Apoio das alcaldesas e alcaldes do BNG ás súas homólogas catalás que porán urnas

As alcaldesas e alcaldes do Bloque Nacionalista Galego aplauden a “lección de dignidade, de compromiso, de estar ao servizo do seu pobo” dos concellos cataláns que deron “un paso adiante" para "defender a súa dignidade como pobo” e o 1 de outubro colocarán as urnas “contra vento e marea”. Nun comunicado difundido onte, e que se suma ás mostras de solidariedade que desde todo o Estado están recibindo os concellos cataláns, as alcaldesas e alcaldes do BNG advirten que “estase a discutir algo máis que o dereito a decidir de Catalunya, estanse  discutindo tamén  os dereitos e liberdades de todas e todos nós”.

Alcadesas BNG nun acto en Compostela no 2016
photo_camera Alcadesas e alcaldes do BNG nun acto en Compostela no 2016.

“Dende os Concellos galegos que representamos queremos expresar o noso apoio á lexitimidade das aspiracións de mudanza e superación do marco político vixente que a sociedade catalá está a demandar; e como demócratas, rexeitamos a negativa do Estado español a permitir a expresión da vontade popular catalá no referendo do 1 de outubro”, di o comunicado asinado onte en Compostela.

As alcaldesas e alcaldes nacionalistas solidarízanse cos seus homólogos cataláns, máis de setecentos, que xa anunciaron que colaborarán no desenvolvemento do referendo do próximo 1 de outubro e afirman que aqueles concellos defenden “os dereitos democráticos do seu pobo, da súa nación” e “respectan o dereito da sociedade catalá a decidir sobre o seu futuro”.

Desde os concellos galegos que representan, as alcaldesas e os alcaldes do Bloque afirman que a loita en Catalunya “é tamén a nosa loita”, e sinalan que “estase a discutir algo máis que o dereito a decidir de Catalunya, estanse  discutindo tamén  os dereitos e liberdades de todas e todos nós”.

No comunicado, tamén  expresan a súa vontade de contribuír ao avance do pobo galego “na conquista dun novo marco institucional que garanta a plena capacidade de decidir sobre os nosos asuntos en función dos intereses do pobo galego”.