"Código 10" anuncia a publicación dunha suposta conversa entre Besteiro e a nai dunha presunta vítima de acoso sexual

O programa de Cuatro que destapou as acusacións de acoso sexual de mulleres galegas contra José Tomé anuncia para o martes á noite a publicación entre dunha suposta conversa entre a nai dunha das presuntas vítimas e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
Parte do anuncio promocional do programa.
Parte do anuncio promocional do programa.

Hai xusto unha semana, o 9 de novembro, un programa de televisión de sucesos sacaba á luz pública o que na tarde dese día era xa un segredo a voces: as acusacións de acoso sexual ao dimitido presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

O programa anunciou que emitirá na noite deste martes supostas mensaxes entre o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a nai dunha presunta vítima. “Esta noite accedemos en exclusiva a mensaxes chave entre a nai dunha das presuntas vítimas de acoso sexual”, avanza o perfil do programa “Código 10” da rede social X. “Lembras que me dixeches que ti non podías facer nada?”, diríalle supostamente a proxenitora dunha das presuntas vítimas ao secretario xeral socialista.

“Dicides que as vítimas son o primeiro: todo mentira José Ramón”, afirmaría presuntamente a nai dunha das supostas mulleres denunciantes.

“Por que cambia de versión?”

No avance do programa da noite do martes, recóllense as declaracións realizadas por Besteiro nas que dicía que “a min non me consta ningunha denuncia ao respecto”. Unhas palabras que o programa de Cuatro enfronta ás que apuntou tan só tres días despois o propio secretario xeral do PSdeG: “En outubro, unha persoa pediunos ser escoitada; relataba presuntas condutas machistas que afectaban a unha terceira persoa”.

O programa pregúntase “por que” Besteiro “cambiou de versión” e por que o PSOE “non actuou” cando coñeceu, en outubro, os feitos. Remata a promoción do episodio que emitirá na noite do martes anunciando que “desmonta” as “mentiras do PSOE” con “feitos”.

Foi Código 10 quen informou o 9 de decembro de que varias mulleres militantes do PSdeG acusaron na canle interna do partido por acoso sexual o dimitido presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen continúa á fronte do Concello de Monforte de Lemos como edil non adscrito.

Comentarios