Anova despraza a Madrid unha delegación encabezada por Beiras para manter contactos cos seus socios

Imaxe da Coordenadora Nacional de Anova

Anova vai manter esta sexta feira unha reunión colectiva cos "distintos axentes das confluencias" e encontros bilaterais coas direccións estatais de IU e Podemos.

A delegación de Anova estará encabezada por Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional, e dela fan parte Antón Sánchez, coordenador nacional; Esther Duro, secretaria de Organización; Raúl Asegurado, secretario de Relacións Políticas; e Alexandra Fernández, deputada eleita e portavoz de En Marea no Congreso.

"Manteremos unha reunión por volta das 16 horas cos distintos axentes das confluencias [Podemos, En Comú Podem, Compromís...] e logo están previstos tamén contactos bilaterais coas direccións de Izquierda Unida federal e con Podemos", informou a Sermos o secretario de Comunicación de Anova, Manoel Santos.

Antes de realizar calquera análise "colectiva" dos resultados do 26X e de deseñar a folla de rota encamiñada xa ás próximas eleccións galegas -que mesmo se poderían convocar a finais do próximo mes de setembro-, a intención de Anova é trocar impresións cos seus socios, daí este desprazamento a Madrid.

A coordenadora nacional de Anova -máximo órgao entre asembleas- tiña previsto realizar unha reunión este sábado, mais fica aprazada para o seguinte, "dado que este venres vamos ter boa parte da nosa dirección en Madrid". "Consideramos importante ter máis información e contrastar pontos de vista cos axentes da confluencia antes de reunir o noso máximo órgao de decisión", di Santos.