Miranda, Forenza —impulsora da iniciativa— e Post foron eleitas como relatoras dunha "Resolución sobre o avanzo do neofascismo en Europa" cos votos dos tres grupos de esquerda da cámara, Verdes-ALE, GUE-NGL e S&D Socialistas.
A votación da resolución vaise sustanciar no pleno que a eurocámara vai realizar esta cuarta feira en Estrasburgo. "Ese día o Parlamento europeo terá a oportunidade de retratarse e dicir alto e claro de que lado está: do lado da democracia ou do fascismo", di Ana Miranda, quen, optimista sobre as hipóteses de aprobación do texto, avanza a Sermos que "esta terza feira terei a negociación co resto dos grupos",.
O BNG enfatiza nun comunicado de imprensa que grazas ao traballo de Ana Miranda o texto da resolución inclúe "a repulsa da denuncia contra os 19 de Meirás presentada pola familia Franco", ben como a solicitude de ilegalización de asociacións, fundacións e grupos que exaltan o fascismo e o nazismo, entre as que se acharía a fundación que leva o nome do ditador.