O BNG innova nos seus vídeos electorais

Amy Winehouse bailaría unha muiñeira?

Que o BNG aposta polo risco nos seus vídeos electorais confírmase nesta campaña en que pasa de recompilar algúns dos fitos da cultura popular que van desde A Guerra das Galaxias a Clint Eastwood pasando por Amy Winehouse até “atacar” sen complexos as iconas identitarias inseridas na modernidade da linguaxe audiovisual. 

Que ten en común Clint Eastwood cos zocos de Elena Ferro? En que fotograma de The Full Monty aparece un mariñeiro de Sada? Aparecen vacas nos Picapedra? Amy Winehouse bailaría unha muiñeira? Estas parellas que, en aparencia, non se mesturan, coinciden agora en ser partícipes dos grupos corais que protagonizan os vídeos de campaña do BNG de cara ás eleccións deste 26 de xuño. A forza nacionalista, como xa fixera nos anteriores comicios de decembro, fai unha aposta arriscada nas súas mensaxes audiovisuais que foxen, sen complexos, da indiferenza. 

“Quen nos representa!” comezou estes días a súa andaina na rede e mostra a aposta do BNG por tomar elementos da nosa tradición para transgredilos e xogar con eles, presumindo  ao tempo da súa modernidade. Como co exitoso “Este soño é necesario para un soño”  -a canción de Nao, Mini e Navia Rivas de hai seis meses-, a organización nacionalista volve ofrecer un tema musical, desta volta de Caxade, Navia Rivas e Iria Carreira, con imaxes de gran calidade que tiran da emoción e buscan provocar o orgullo “do noso”. 

Un mariñeiro de Sada, unha palilleira, unha vaca, unha galiña, os zocos de deseño, unha parella de baile tradicional, o felo de Maceda…, son algúns dos elementos que compoñen este collage co que o BNG bota man das iconas máis identitarias para mostrar un país “vivo, moderno, integrador e con futuro”. “Trátase dun desafío orgulloso que acae ao que o BNG é, unha organización que se gaba dun país moderno e distinto, con futuro, con capacidade de saír adiante se gañamos a capacidade de decidir sobre o noso, e cunha identidade potente e viva”, explica Xavier Campos, responsábel da campaña audiovisual. 

“Quen nos representa!” comezou estes días a súa andaina na rede e mostra a aposta do BNG por tomar elementos da nosa tradición para transgredilos e xogar con eles

Mais a palilleira, a vaca ou o felo semellan contrastar co anterior vídeo, publicado hai tan só unha semana, en que o BNG creaba un áxil mosaico con algúns elementos da cultura popular para, en 5 minutos, facer unha diagnose do estado do país e mostrar as súas propostas. A sorpresa foi a reacción máis común polo inesperado da aparición de escenas de The Full Monty, a Guerra das Galaxias, A Pantera Rosa, Monsters ou Clint Eastwood na campaña nacionalista. 

A arrancada, nas Xerais

Na pasada campaña das Xerais deuse, con maior clareza, a “arrancada” do BNG na nova linguaxe audiovisual, con vídeos como “Este soño necesario para un soño” que subiu en facebook das 152.000 visualizacións. Moito para falar deron tamén os microvídeos “Para divers@s nós”, co bico do candidato Carlos Callón e o deputado Francisco Jorquera, ou o “Para modern@s nós” que mostraba a Mini como o “hipster” galego máis auténtico. 

A formación nacionalista confía no impacto dos seus vídeos, feitos con pouco orzamento e moito entusiasmo e coa participación voluntaria da súa militancia. Na última das producións, pouco tardou en aparecer a vaca, a galiña, as redes, a moza punki con bombo tradicional, a parella de baile, o bebé, a nena ou a tatuadora apareceron ao inmediato e achegáronse á nave de Irixoa en que se rodou o vídeo para participar da parte máis visual da campaña. “Esta é, como foi sempre, a gran diferenza da nosa campaña. O noso non son as grandes producións, os medios son poucos mais temos o entusiasmo e xenerosidade da nosa xente. A verdade é que participar das xornadas de rodaxe ergue o ánimo.  Á xente de fóra sorprenderíalle coñecer o making off e ver como se fai a produción. Onde menos agardas, aparece o imposíbel”, di Xavier Campos con certa brincadeira despois de pasar toda unha fin de semana vendo pasar persoas do amplo elenco de “Quen nos representa!”, a máis recente produción. 

Creatividade propia

Mais a creatividade ten tamén nomes propios e o BNG tira para iso de profesionais do mundo cultural galego para as súas producións. O debuxante Luís Dávila, O Bichero; produtoras como Ziwa ou Illa Bufarda, artistas como Nao, Caxade, Marcos Paino (Das Kapital) ou Isabel Risco son algúns dos nomes que aparecen nos créditos das producións audiovisuais das dúas campañas para as Xerais. “Responde á confianza na capacidade creativa do país”, explica Goretti Sanmartín, coordinadora xeral da campaña, para quen o obxectivo desta nova liña de propaganda política do BNG procura “contribuír a asentar unha nova  linguaxe e un novo imaxinario para o nacionalismo, actualizar en termos comunicativos a nosa proposta e trasladar claramente a aposta do BNG por unha sociedade aberta, moderna, orgullosa de si mesma, integradora e dinámica”. 

Mais a creatividade ten tamén nomes propios e o BNG tira para iso de profesionais do mundo cultural galego para as súas producións

Por que fan de Amy Winehouse unha palilleira? “Porque sendo nacionalistas galeg@s somos tamén parte do Black Lives Matter, do Refugees Welcome ou das loitas dos pobos sudamericanos por un futuro digno e soberano. Ese fío de irmandade que sempre tivo o nacionalismo queremos amosalo, facelo visíbel e presente. A imaxe dos dous vídeos busca conxugar aquilo que queremos ser e mostrar, ao tempo, a imaxe dun nacionalismo integrador, aberto, sólido e con ilusión”, afirma, contundente,  Sanmartín.  

“A aposta por este tipo de contidos e de campañas comezou en realidade xa nas municipais do ano pasado, coa renovación da liña estética do Bloque e iniciativas de ampliación da nosa base como os Formigueiros. E é obra dun grupo de persoas amplo e heteroxéneo, que traballamos a gusto e en sintonía, como Xosé Antón Rubal, Isa Risco, Marcos Paino, Jasper… E penso que esta é unha liña en que debemos afondar”, manifesta finalmente de novo Xavier Campos.

Comentarios