Altri, servizos públicos e o galego centrarán a axenda política do novo ano
2026 podería ser un ano electoral na Galiza, no caso de que Pedro Sánchez decida adiantar os comicios estatais. As formacións políticas traballan xa nas eleccións municipais de 2027, nun ano en que Altri, a defensa dos servizos públicos e o galego volverán marcar a axenda política do país.
Comeza o ano 2026 como rematou 2025. Se a axenda política galega estivo marcada o pasado exercicio polo debate ao redor do proxecto da celulosa que a multinacional portuguesa Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ulloa), a dinámica do ano que comeza vai polo mesmo camiño, unha vez que o Goberno galego debe resolver a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e a concesión de augas solicitada pola pasteira lusa no encoro de Portodemouros, emprazado nas comarcas de Arzúa, Melide e O Deza.
As declaracións realizadas no último mes de 2025 polo director de Augas da Galiza, Roi Fernández Añón, e pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xeran aínda máis dúbidas sobre o futuro do proxecto. Mentres o primeiro sinalou nunha reunión do consello reitor do ente público que dirixe que a iniciativa de Altri "non parece ter moito percorrido”, a segunda manifestou que "é imposíbel" autorizar o proxecto da pasteira sen a autorización eléctrica do Estado.
Os colectivos opositores a Altri consideran que o futuro do proxecto dependerá do alcance do rexeitamento social á factoría, que en último caso será chave na posición final das Administracións públicas. Porén, a compañía non renuncia a instalar a celulosa na Ulloa e espera que un cambio de Goberno no Estado español, con Alberto Núñez Feixoo de presidente, lle abra o camiño das axudas públicas por unha vía distinta aos fondos Next Generation e a autorización eléctrica.
Minas e eólica mariña
A lóxica económica e política detrás do proxecto de Altri é semellante á dunha parte moi importante das iniciativas mineiras e eólicas en marcha na Galiza. Precisamente, á mesma atenden a práctica totalidade dos proxectos impulsados nos dous últimos anos no ámbito da minaría e das iniciativas no ámbito eólico, agardándose para este ano as primeiras poxas para implantar as instalacións da eólica mariña, fonte enerxética rexeitada polo sector pesqueiro.
Os recortes nos servizos públicos
Os servizos públicos volverán estar un ano máis no centro do debate social e político. Neste sentido, a sanidade será de novo un punto quente, con mobilizacións previstas en xaneiro contra os recortes na Atención Primaria e unha folga do colectivo médico contra o Estatuto Marco.
A situación do sector dos coidados avanza un novo choque do Goberno galego coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) polo financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e co persoal deste servizo e dos centros de maiores. Na mesma dirección, a fenda aberta entre a Consellaría de Educación e a comunidade educativa apunta a outro ano de mobilizacións e protestas, nun contexto de gran malestar entre o profesorado.
O Goberno galego fará publico ao longo deste ano un novo Plan Xeral de Normalización Lingüística elaborado por 11 grupos de traballo conformados pola Xunta da Galiza. A nova proposta manterá o disposto no Decreto de Plurilingüismo, que veta o galego en determinadas materias académicas e é rexeitado por amplos sectores da comunidade educativa e da sociedade, entre eles a plataforma Queremos Galego, que xa se mobilizou en 2025 contra esa alternativa.
Eleccións
A preparación das eleccións locais de maio de 2027 marcará a axenda política das formacións galegas ao longo deste ano. Neste sentido, as fontes dos diversos partidos consultadas por Nós Diario sinalan que prevén ter designado os seus cabezas de cartel para as sete grandes cidades antes de do mes de agosto. Ao tempo, recalcan que este proceso marcará o groso do seu traballo na segunda metade do ano, co obxectivo de presentar o máximo número de candidaturas.
A batalla das locais
A batalla das eleccións locais preséntase en varias esferas. Unha delas, esta ligada ás sete grandes cidades, onde as últimas enquisas proxectan un escenario final semellante ao actual e non avanzan mudanzas na composición dos gobernos. Neste sentido, o incremento de poboación en Compostela e Lugo, que xa supera os 100.000 habitantes, implicará un aumento do número de concelleiros e concelleiras, pasando as dúas cidades de 25 a 27, o que dificulta as maiorías absolutas e favorece a pluralidade das Corporacións.
As formacións políticas teñen os seus ollos postos nas deputacións. Se os estudos demoscópicos sitúan a nacionalistas e socialistas como favoritos para gobernar na Coruña, en Lugo e Pontevedra parten con vantaxe os populares, dependendo o Goberno da Deputación de Ourense da posición final de Democracia Ourensá, de Gonzalo Pérez Xácome, que as sondaxes volven situar como chave. Porén, estimar o reparto de escanos para as deputacións, resulta case imposíbel sen coñecer o reparto final de deputados e deputadas por partido xudicial, podéndose rexistrar mudanzas polos cambios de poboación nas catro circunscricións.
A incógnita dun adianto electoral no Estado
Ninguén se atreve a asegurar que Pedro Sánchez convocará eleccións no Estado en 2026, mais todas as formacións políticas traballan con esa posibilidade. Neste sentido, os responsábeis do PP, do BNG e do PSdeG consultados por Nós Diario indican que están preparados para enfrontar uns comicios estatais e que teñen a maquinaria en marcha de cara a un anticipo electoral.
A posición máis estendida nos círculos políticos madrileños apunta a que Sánchez podería convocar eleccións despois dos comicios andaluces, no caso de que os resultados para a súa formación non fosen positivos nesta comunidade nin en Aragón, marcadas para febreiro, nin en Castela e León fixadas para marzo. De confirmarse esta opción, os comicios estatais deberían realizarse após xuño, data pensada nun principio por Juan Manuel Moreno Bonilla para que vote a poboación andaluza.
Un adianto electoral a nivel de Estado cambiaría toda a axenda política na Galiza e introduciría novas variábeis para os comicios locais de maio de 2027. Porén, as sondaxes só son fotos fixas dun momento e os tempos en política avanzan cada día dun modo máis rápido, polo que calquera imponderábel que se dea ao longo do ano podería xerar un escenario totalmente diferente ao actual.