Alternativa dos Veciños de Oleiros desbota concorrer ás eleccións galegas

A Asemblea Xeral da formación rexeitou por ampla maioría que García Seoane demitise como alcalde para ser candidato nos comicios á Xunta.

oleiros alternativa dos veciños
photo_camera Asemblea de Alternativa

Alternativa dos Veciños non se presentará finalmente ás eleccións galegas, desbotando así unha opción que estaba sobre a mesa para o seu debate, como adiantara o líder da formación e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, nunha entrevista concedida a Sermos Galiza. A consulta ás bases da formación que decorreu na tarde-noite desta cuarta feira deu como resultado unha maioría a favor de non dar este paso. Houbo 114 votos que responderon Non á pregunta “Está vostede a favor de que Ángel García demita como alcalde para presentarse como candidato por Alternativa dos Veciños á Xunta de Galiza ?”. O Si foi a opción riscada por 45 persoas e a abstención a escolla do 2, aliás de 3 sufraxios en branco.

García Seoane, 'Gelo', seguirá pois á fronte da alcaldía de Oleiros, un posto que ocupa desde 1985. DE gañar o Si na consulta desta cuarta feira, tería que demitir como rexedor para ser candidato á Xunta. Na entrevista publicada no Sermos Galiza no semanario nº 192, 'Gelo' afirmaba que de optar por se presentar aos comicios galegos “podemos sacar 40.000 votos tranquilamente” e dicía estar “seguro” que, de concorrer, obterían representación no Parlamento da Galiza.

Comentarios