"Algunha representación institucional confunde o interno coa realidade"
Antón Sánchez emerxe da III Asemblea Nacional de Anova como novo líder da organización. A súa aposta na unidade popular é "innegociábel", como tamén o é o seu esforzo por pacificar a convulsa vida interna da súa propia casa e da confluencia. É a entrevista política do Sermos239, xa na rúa. Eis un extracto da conversa.
-Supoño que es consciente de que o maior impacto mediático da vosa asemblea foi a lea protagonizada por mozos de Xeira con ex militantes da FPG. Como viviche ese episodio?
-Eu non lle podo atribuír o incidente só a determinadas persoas. O incidente é lamentábel, é intolerábel, non pode voltar a ocorrer e traballaremos para que non volte a ocorrer. Farémolo con serenidade, pero con firmeza. En todo caso, quero dicer que ese momento non representa o ton dos debates en Anova. Sería triste que ese suceso puntual, inadmisíbel, intolerábel, contaminase toda a militancia de Anova.
Sobre a lea protagonizada por mozos de Xeira: "Traballaremos para que non volte a ocorrer. Farémolo con serenidade, pero con firmeza"
(...)
-Visto desde fóra a sensación que dá é que a unidade popular está máis desunida que nunca, véxase sen irmos máis lonxe as leas no seo de Podemos Galiza. Imaxino que unha das túas tarefas como novo referente de Anova será contribuír a pacificar todo ese ambiente interno, non?
-Si, eu aquí teño que facer unha certa autocrítica da cal tirar conclusións positivas pensando no futuro. Eu creo que ás veces algunha representación política institucional perde a perspectiva. Confunde o interno coa realidade. Iso é o peor que nos pode pasar. Eu creo que hai que facer unha chamada de atención de que nós nos debemos á xente que nos apoia, á xente que quere unha alternativa de esquerda rupturista contra este sistema, contra as políticas que aplica este sistema, e iso nunca o debemos esquecer na nosa praxe política. Esa é unha cuestión que eu si que vexo que puido pasar nalgún momento.
[A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos239, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa]