O Valedor do Pobo sae en defensa de Feijóo e di que as fotografías co narco carecen "de interese xornalístico"

O Valedor do Pobo métese a xornalista e considera que as fotografías de Feijóo co narco Marcial Dorado carecen de "interese informativo". Non o xulgou así a imprensa internacional, que as recolleu de forma moi destacada quer en papel quer nas edicións on line. José Julio Fernández sai así en defensa de Feijóo. Mentres, Rueda súmase ao coro dos que piden unha lei que estabeleza unha sorte de censura previa parapetándose na defensa do dereito das persoas a preservar a súa imaxe.

photo_camera Julio Fernández, Valedor do Pobo

As imaxes do presidente da Xunta en compaña do narco arousán non deixan de suscitar opinións. A última a do Valedor do Pobo, José Julio Fernández quen malia a considerar que non existía "interese xornalístico" a día de hoxe para a súa publicación, asegura que non é precisa unha maior regulación dos medios de comunicación para evitar este tipo de informacións.

"Xa existe" acrecentou con rotundidade, un marco normativo que rexe a actividade xornalísta enmarcado na Constitución española de 1978. Desta maneira, Julio Fernández sae en defensa do presidente da Xunta e considera as imaxes pouco interesantes para a opinión pública. Fernández matizou que as fotografías datan da década dos '90 e argüe que o tempo trancorrido devaluou o interese xeral que rexe a publicación deste tipo de informacións.

No entanto ao longo desta semana verquéronse ríos de tinta arredor deste escándalo e como puido recoller Sermos Galiza, a cidadanía cre que a amizade de Feijóo e Dorado non era casual e que o líder do executivo galego debe dar explicacións pola súa relación co narcotraficante. 

O Valedor cre que as imaxes carecen "de interese xornalístico"

Limitar a publicación de informacións comprometidas

Porén, malia a considerar de pouco interese mediático a publicación das imaxes, Julio Fernández subliñou que non sería preciso mudar a lexislación para fixar límites máis estritos a este tipo de informacións. A súa resposta  viña a colación das declaracións feitas polo presidente da Comunidade de Madrid quen tildou de inaceptábel e inadmisíbel as fotografías publicadas polo diario español El País. Ignacio González considerou que as imaxes supuñan "un dano enorme" para a opinión pública e lanzou un chamamento a endurecer as leis e estabelecer límites aos medios para evitar que casos semellantes se volvesen (re)producir. 

As consideracións do presidente madrileño si foron recollidas polo vice-presidente galego. Alfonso Rueda asegurou en declaracións aos medios de comunicación que o debate arredor dunha maior restrición na publicación deste tipo de informacións "está cima da mesa". "Os dereitos dun rematan onde comezan os do outro", indicou a man dereita de Alberto Núñez Feijóo quen apelou ao "dereito á propia imaxe" para denunciar a publicación das fotografías. 

Alfonso Rueda di que o debate sobre un endurecemento normativo está "cima da mesa"

O vice-presidente criticou asemade aos grupos da oposición, concretamente ao PsdeG por estaren a empregar as polémicas imaxes para "desgastar ao presidente da Xunta". Neste senso, Rueda asegurou que o executivo galego achegará a información demandada pol@s socialistas --que exixen aclarar se existiu algunha relación entre as contratacións do executivo galego e as empresas do narco arousán-- sempre que esta se solicitase "polos cauces reglamentarios". 

Aliás, o presidente terá que responder ás cuestións achegadas polas forzas da oposición a vindeira terza feira na comparecencia parlamentar que terá lugar na Cámara galega. 

Comentarios