A alcaldesa de Muros, María Lago, volverá optar a ser a candidata do BNG nas municipais de 2027
A actual alcaldesa de Muros, María Lago, anunciou que volverá optar a ser a candidata do BNG da localidade nas eleccións municipais de 2027, despois de que a Asemblea Local acordase abrir o proceso interno para a escolla da persoa que encabezará a candidatura nacionalista.
A decisión final corresponderalle á militancia do BNG de Muros, que será a encargada de elixir a persoa candidata na asemblea convocada para finais deste mes de abril, dentro “dun proceso participado e democrático, coherente coa forma de entender a organización e a acción política do Bloque”.
María Lago explicou que dá este paso coa vontade de revalidar a confianza da organización e de seguir traballando por Muros desde un proxecto político que considera “sólido, útil e en pleno crecemento”.
“Quero compartir con vós que volvo dar o paso adiante e optar a ser candidata. Fágoo co corazón cheo e cunha idea moi clara: quero seguir facendo posíbel o proxecto que o BNG ten para Muros. Un proxecto que non é só unhas siglas, senón unha forma de entender o noso concello, o noso país. Un proxecto que pensa en chave de futuro, que defende o público, que aposta polo benestar da veciñanza e que cre en todo o que Muros pode chegar a ser”, sinalou.
A alcaldesa puxo en valor o camiño percorrido nestes anos, marcados “polo traballo constante, a aprendizaxe e a consolidación dun proxecto colectivo cada vez máis amplo e ilusionante”.
“Estes anos foron de moito traballo, de aprendizaxe e de compromiso. Foron anos de construír, paso a paso, un proxecto colectivo no que cada vez somos máis, no que cada vez hai máis ilusión e máis forza. E iso tamén forma parte do momento que vivimos no BNG, en Muros e no conxunto do país: unha organización unida, con ilusión, con ideas e con máis forza que nunca”, afirmou.
Nesa mesma liña, María Lago destacou que a súa decisión non parte só do balance do traballo desenvolvido desde a Alcaldía, senón tamén da convicción de que o proxecto do BNG en Muros ten aínda moito percorrido por diante e unha utilidade clara para a maioría social.
“Sinto orgullo do camiño andado, pero sobre todo sinto responsabilidade e ganas de continuar. Porque sei que aínda temos moito por facer, moito por mellorar e moito por avanzar. E porque teño a convicción de que este proxecto, o do BNG, é útil para a xente e necesario para seguir transformando Muros”, expresou.
A rexedora insistiu en que o paso que agora dá responde á vontade de seguir encabezando un proxecto colectivo con “máis experiencia, o mesmo compromiso e a mesma ilusión coa que comezou este camiño”.
“Por iso quero volver ser candidata. Porque creo no que somos e no que representamos para Muros. Porque sei que todo o aprendido nestes anos nos fai máis fortes para seguir avanzando. E porque teño a convicción de que este proxecto non fixo máis que comezar”, indicou.
“Preséntome con responsabilidade, pero tamén con moita ilusión. Co orgullo de pertencer a un BNG que medra, que suma e que está preparado para seguir facendo de Muros un lugar mellor para vivir. Quero seguir encabezando este camiño, xunto a todas e todos vós. Con máis experiencia, co mesmo compromiso e coa mesma ilusión do primeiro día”, engadiu.
María Lago enmarca esta decisión no momento político e organizativo que vive o BNG de Muros, que define como unha etapa “de fortalecemento, incorporación de novas persoas e consolidación dun proxecto colectivo con máis capacidade para seguir transformando o concello”.
Co anuncio da súa decisión de concorrer de novo ao proceso interno, María Lago dá un paso adiante nun momento no que BNG de Muros afronta a preparación da súa candidatura ás municipais de 2027 “coa vontade de reforzar un proxecto colectivo, sólido e con vocación de futuro”.