Nun acto con alcaldes e alcaldesas do BNG, Lores di que o de Nós "é o único voto útil"

Convencidos e convencidas de que “só unha candidatura en clave de país é capaz de darlle voz aos problemas específicos” dos concellos galegos, os alcaldes e alcaldesas do BNG fixeron unha declaración pública explícita de apoio a Nós Candidatura Galega.

APOIO PUBLICO CONCELLOS BNG A NÓS-CG

Acompañados de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, alcaldes e alcaldesas do Bloque fixeron público, a través dunha declaración, o seu apoio a Nós Candidatura Galega, ao entender que “só unha candidatura en clave de país é capaz de darlle voz aos problemas específicos dos municipios galegos”.

En nome dos rexedores e rexedoras nacionalistas, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores salientou que “teño clarísimo que ningunha candidatura estatal, ningunha que non teña os pés nesta terra pode defender os nosos intereses. E dirán, e que hai 23 deputados galegos e galegas, máis os senadores..., sinceramente dáme igual cantos sexan porque a experiencia demostra que están en Madrid para votar o que lle mandan outros intereses que non son os de Galiza”.

“O único voto útil é o da xente que temos os pés nesta terra, e o voto a NÓS-Candidatura Galega”, afirmou Lores, tras asegurar que “ninguén nos vai quitar as castañas  do lume”.

Pola súa banda, Xavier Vence apuntou que da xuntanza que tivo lugar na mañá da cuarta feira sae “o compromiso de traballar para que esta opción acade unha gran representación e darlle voz potente aos municipios do país en Madrid na vindeira lexislatura”. Afirmou que entre as iniciativas que defenderá Nós no Congreso figura a derrogación da Lei de reforma local e un novo modelo de financiamento local. E é que co modelo actual, apuntou o portavoz nacionalista, os concellos perden 1.200 millóns ao ano, “por habitante, os concellos reciben 195 euros anuais de financiamento, fronte aos 245 de media estatal”.

Vence: "Por habitante, os concellos reciben 195 euros anuais de financiamento, fronte aos 245 de media estatal”

Ademais, Nós Candidatura Galega, que estivo representada no acto por Carme Adán e Carlos Callón, números 1 por Pontevedra e pola Coruña, respectivamente, comprométese a suprimir a taxa de reposición que, “na práctica, abre a porta a privatización de servizos municipais ante a imposibilidade de poder contratar persoal”. A coligazón tamén propón a supresión das deputacións “por ser entidades innecesarias cuxas competencias e orzamento deben ser asumidas polos concellos ou pola Xunta”.

  

Comentarios