O alcalde de Laxe (PP) renuncia ao cargo por motivos de saúde

José Luís Pérez Añón será substituído polo até o de agora tenente de alcalde, Francisco Charlín.
José Luís Pérez Añón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Luís Pérez Añón. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Laxe (Bergantiños), José Luís Pérez Añón, vén de rexistrar a súa renuncia por motivos de saúde —que será aprobada nun pleno nos próximos días—. Será substituído por Francisco Charlín Oróns, quen até o de agora exercía como tenente de alcalde.

A dirección do PP na provincia da Coruña, encabezada por Diego Calvo, destacou o traballo e o compromiso mostrado por Pérez Añón, a quen agradeceu que a localidade "sexa hoxe un lugar mellor que cando tomou posesión do seu cargo no ano 2019".

"Perdemos un alcalde moi querido entre os veciños de Laxe, unha persoa que traballou ao servizo da xente durante toda a súa vida e alguén que foi un exemplo de como facer as cousas con responsabilidade, boa xestión e sempre poñendo por diante os intereses dos demais antes que os seus", afirmou Calvo.

Finalmente, receitou a Pérez Añón que se coide e que "goce da vida como non puido facer até o de agora". "Que empece a pensar máis en si mesmo que nos demais, tras moitos anos dedicados ao servizo público", trasladou, antes de concluír que Laxe queda "en boas mans", as do actual tenente de alcalde, Francisco Charlín.

Comentarios