O alcade de Maceda de Trives sinala os rexedores da Veiga e San Xoán de Río como promotores da moción de censura
O alcalde de Maceda de Trives (Terra de Trives), Amable Fernández (PSdeG), sinalou os rexedores populares da Veiga (Valdeorras), Juan Anta, e San Xoán de Río (Terra de Trives), José Miguel Pérez, que é tamén deputado provincial, por ser "os que moveron" a moción de censura presentada o pasado 15 de outubro polo grupo popular municipal con dous edís tránsfugas socialistas.
Así o trasladou nunha rolda de prensa realizada esta cuarta feira no Concello de Maceda, na que criticou ambos os populares por "preferir que goberne un amigo" para "respectar a vontade do pobo" e por "querer que isto sexa o seu casarío". "Hai que ir eliminando rivais", engadiu. Unha rolda de prensa que vén despois de que o Xulgado nº1 do Contencioso-administrativo de Ourense aceptase a pasada terza feira a medida cautelar urxente presentada polo alcalde, que suspendeu a tramitación da moción de censura, cuxo debate estaba previsto para esta cuarta feira. A xustiza viu posíbeis causas de nulidade no rexistro da iniciativa, como a falta de autentificación de dúas das sinaturas.
Durante o transcurso da rolda de prensa, o rexedor socialista emocionouse ao trasladar o apoio da cidadanía ao seu mandato, a cal, afirmou, xa demostrou ao representante popular, Pedro Yáñez, elixido para recoller o bastón de mando na moción, que "non é o seu candidato". Aliás, apuntou aos dous tránsfugas, cuxo "xefe pensou que ía poder facer e desfacer á súa maneira". "Dobraron a lei para facer isto", afirmou.
A continuación, o rexedor socialista afeou as críticas da oposición que denunciaban a "ingobernabilidad" no seu mandato, entre outras cousas, e destacou que o municipio conta con "600.000 euros de subvencións" e celebrou que o Concello "é o nº 11 en gasto social de todo o Estado español".
Incumprimento do pacto do antitransfugismo
Así mesmo, o líder do PSdeG en Ourense, Álvaro Vila, explicou que o grupo municipal popular de Maceda de Trives "incumpriu un pacto entre grupos políticos de non apoiar as mocións de censura en tránsfugas", despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo lexitimase esta práctica.
Nesta liña, Vila exixiu ao PP provincial e ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que "volva á senda constitucional" e "rectifique" e "lexitime" o actual rexedor socialista. "Esta decisión de seguir o mesmo camiño de comprar tránsfugas con diñeiro público como fixeron os seus antecesores na Deputación de Ourense marcará un antes e un despois nas decisións que podemos ter entre o PSdeG e o PP na provincia", engadiu Vila.
"Facemos un último chamamento a que o PP rectifique a súa moción", sinalou o líder provincial socialista, e insistiu en que "desde os despachos non se poden terxiversar as decisións" que toma a veciñanza "o día que votan nas eleccións municipais".
