A oposición chama a reaxer contra as políticas da dereita

[Imaxe: SG]

As formacións políticas con representación parlamentar clamaron por "un cambio radical" nas políticas da Xunta no Día da clase traballadora. Cunha greve xeral no albo, BNG e AGE chaman a "reaxer" mentres PSdeG exixe a Feijóo que "se deixe de mentiras" e pule por "un acordo" social

 

Milleiros de traballador@s chamaron á greve polas rúas da Galiza este 1 de Maio.

Fixérono nas mobilizacións convocadas pola CIG onde a clase operaria demandou unha xornada de loita contra as políticas neoliberais e unha taxa de desemprego do 23%. Entrementres, CC OO e UGT advogaron por un "pacto social" e o inicio dun proceso de negociación co goberno de Madrid. 

BNG chama ao pobo galego a se rebelar contra a dereita 

Á combatividade da central nacionalista sumábase o portavoz nacional do Bloque. Desde a multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Vigo o voceiro da organización frontista asegurou que "é preciso reaxer" perante "este proceso de desmantelamento industrial acelerado". O Bloque chamou á sociedade galega a se "rebelar" contra as políticas "da Xunta, do Goberno central e da Troika" para que "este país", salientou Vence "teña futuro". 

A organización frontista amosouse partidaria da convocatoria dunha greve xeral lanzada desde a CIG perante unha xestión política e económica do Goberno de Núñez Feijóo que fai de Galiza "un súbdito". 

AGE rexeita a negociación "con quen agrede os traballadores"

O deputado de AGE Antón Sánchez valorou de maneira moi positiva a "boa resposta" que a clase traballadora do País deu nas rúas este Primeiro de Maio en contra da ofensiva que pon en xaque o dereito a un emprego e unha vida dignas. Malia lamentar "a falta de unidade sindical", axiña sinalou Sánchez que "comprendemos" que non se tivesen producido mobilizacións sindicais conxuntas.

Compréndeno en relación á diferente maneira que teñen de afrontar CC OO-UGT por unha banda e CIG pola outra unha situación de emerxencia en que a cifra de desempregad@s na Galiza camiña cara ás 300.000 persoas. "Non é hora de sentar a negociar co Goberno", recalca o deputado de Alternativa, enfatizando que "con quen agrede os traballadores o que non se pode facer é dialogar". Polo tanto, AGE tamén se posiciona na liña de que na Galiza apremia a convocatoria dunha greve xeral.

PSdeG lamenta que Feijóo non queira "saber nada de acordos" 

O secretario xeral d@s socialistas, Pachi Vázquez dirixiuse no 1 de maio ao presidente da Xunta ao que acusou de "non estar para Galiza, nin en Galiza". No PSdeG os ánimos están máis calmos e exixen a Núñez Feijóo "que se deixe de desculpas, de contos e de mentiras" mais rexeitan falar da convocatoria dunha xornada de loita de carácter xeral. O líder do PSdeG demandou un cambio de rumo nas políticas da Xunta e que se "poña a traballar" camiño "do crecemento económico e do emprego" pois, "non queremos acabar de xeonllos como os traballadores", salientou. 

Pachi Vázquez lamentou desde a mobilización da Coruña que Feijóo "non quere saber nada de acordos" para pular pola economía mais emprazou á cidadanía a "saír á rúa" para reivindicar "un acordo". O secretario xeral do PSdeG uníase así ao convite lanzado por CC.OO e UXT que reclaman unha "negociación" cos gobernos do PP para frear as consecuencias das políticas de axuste.