A moción de Vimianzo, para a gaveta: non reúne os requisitos legais e foi asinada por "dous tránsfugas"

O escrito con que sete edís pretendían botar da alcaldía o nacionalista Manuel Antelo non foi asinado polo secretario do Concello, tal e como exixe a Lei electoral. Alén do máis, os votos d@s concelleir@s do PSOE non computan ao teren sido expulsos do partido. "Espero que haxa outros dous tránsfugas", dixo Antelo a respecto d@s edís do PP e a palabra dada de que ficarán fóra da formación
photo_camera Manuel Antelo [Imaxe: BNG]


A moción de censura contra o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo (BNG) que entrou en rexistro o sábado non sairá finalmente adiante. O informe xurídico do secretario do Concello recolle que "non reúne todos os requisitos" contemplados no artigo 197 da Lei orgánica de réxime xeral, que sinala no seu apartado B que o documento "deberá incluír as sinaturas debidamente autenticadas por notario e polo secretario da corporación".

Porén, o que fixeron @s sete edís impulsor@s da moción foi procurar con posterioridade a sinatura do secretario, unha vez que a moción entrara xa por rexistro. "Coaccionárono para que aceptase outro texto e presentaron documentación censal para xustificar que aínda eran militantes do PSOE", explicou Manuel Antelo en declaracións a Sermos Galiza.

Con todo, hai un segundo motivo que impide tramitar esa moción de censura. A concelleira e o concelleiro socialistas ficaron expulsos do partido o día 4 de marzo polo que, en aplicación da lei antitransfuguismo (que resultou nunha reforma da lei eleitoral), conservan as súas actas por seren persoais, mais os seus votos non son computábeis nunha eventual moción de censura.

Dito doutro xeito, a nova lei prescrebe que @s concelleiros tránsfugas non sexan tid@s en conta á hora de formar as maiorías absolutas que se requiren para unha moción de censura prosperar. Na alcaldía desde o 11 de xuño de 2011, Antelo confesou que "desde o primeiro momento intentaron censurarme e boicotear calquera principio de acordo", facendo que gobernar Vimianzo, en minoría con catro concelleir@s, non sexa tarefa doada.

Actitude "moi positiva" do PSOE e á espera de que o PP cumpra coa súa palabra

Manuel Antelo valorou "moi positivamente" a actitude "coherente" da dirección do PSOE e dixo quedar á espera de que o PP "cumpra coa súa palabra porque é unha oportunidade de ouro para rachar coa corrupción". De aquí en diante o rexedor nacionalista di que procurará o apoio das forzas da oposición como fixo sempre, acrecentando que non poderán presentar outra moción "ao haber dous tránsfugas no PSOE e espero que outros dous no PP".

Cómpre lembrar que o escrito que pretendía botalo da alcaldía foi asinado polos tres edís de Independentes por Vimianzo, dúas do PP e dúas do PSOE, pois @s voceir@s municipais destas dúas formacións políticas rexeitaron brindar o seu apoio á iniciativa.

Asinantes da moción recorrerán o informe do secretario do Concello

Nunha rolda de imprensa convocada esta terza feira en Compostela, o candidato a alcalde José Manuel Rodríguez Blanco e @s independentes Mónica Rodríguez e Manuel Soto anunciaron que presentarán un recurso contra o informe do Concello que sinala que a moción non reunía todos os requisitos. Ao respecto, Manuel Antelo lamentou que se empregue este instrumento "con fins espúreos para acabar cun goberno amparado pola vontade popular".

O alcalde de Vimianzo dixo que a moción sobreveu após iniciar a instrución dun expediente disciplinario contra o traballador encargado de ler os contadores da luz "porque máis do 30% quedaban sen ler".

Entre eles estarían o do propio candidato a alcalde, relacionado tamén con outras irregularidades como a construción dun garaxe sen licenza namentres era concelleiro de Obras. Dixo Antelo que "non era unha moción de alternativa ideolóxica" e que o máis positivo que tirou destes catro días foi "constatar que a cidadanía avala o cambio político que encetei hai dous anos".

Comentarios