Movemento veciñal

A Coruña mobilízase para reabrir a Torre de Hércules

O PP mantén pechado o símbolo da cidade e mantén un conflito cos seus traballadores, aos que despediu.
Manifestación veciñal pola reapertura da Torre de Hércules
photo_camera Manifestación veciñal pola reapertura da Torre de Hércules

A chegada do PP ao goberno municipal da Coruña ten suposto, entre outras moitas cousas, o descrédito do principal símbolo da cidade, a Torre de Hércules, que acadou o desexado nomeamento como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco na pasada lexislatura, mais atravesa agora unha forte crise. O faro de orixe romana acumula tres meses pechado ao público e inmerso nun grave conflito laboral, mentres a cidadanía se organiza para reivindicar o seu uso público e aberto.

Convocadas pola Asociación de Veciños de Monte Alto, o pasado domingo foron centos de persoas as que percorreron as rúas do barrio para exixir ao concello a reapertura da Torre, nunha manifestación que contou con multitude de apoios de diversas organizacións, sindicatos ou movementos. “A única razón do peche é a teima do PP”, asegura o BNG coruñés. Os nacionalistas elevaron ante o Parlamento europeo a decisión do goberno de Carlos Negreira.

Cuestión fulcral na polémica -segundo moitas fontes a auténtica razón do peche- é o despedimento a totalidade dos trece profesionais do complexo, que se ocupaban dos servizos de mantemento, limpeza e visita do monumento. Segundo a CIG, maioritaria entre @s empregad@s, o concello está ofertando outros postos aos despedidos sempre que renuncien aos dereitos laborais respecto da Torre, intentando aproveitarse así da grave situación económica que atravesan, posto que ao estaren en marcha o proceso legal non poden cobrar ningún tipo de prestación.

O persoal da Torre ten celebrado diversos actos de protesta, entre os cales estivo a súa presenza nun pleno do concello, do que foron expulsados pola policía municipal.

Comentarios