O Parlamento debaterá as touradas, que volven o domingo a Sarria entre protestas

O BNG presentará a vindeira semana unha iniciativa para prohibir as touradas, que de novo serán organizadas por un concello galego do PP no día de San Xoán, xunto a unha feira andaluza e un concurso de traxe sevillano. 

Imaxe de arquivo dunha protesta contra as touradas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sen Touradas

Con escasas posibilidades de saír adiante polo veto da maioría do PP, pero o Parlamento de Galiza debaterá a próxima semana a prohibición das touradas e todo “espectáculo” que supoña a morte do animal “mediante a aplicación de pica, banderillas e estoque” grazas a unha iniciativa que presentará o BNG e que previsibelmente si será tamén apoiada por AGE e por deputad@s do PSOE, do que se espera que dea liberdade de voto.

@s nacionalistas Ana Pontón e Cosme Pombo mantiveron un encontro no Hórreo coa plataforma 'Sarria Libre de Touradas' posto que na localidade luguesa se celebrará de novo unha corrida de touros organizada polo goberno local do PP. Será este domingo, día de San Xoán, e ademais estará acompañada dunha “feira andaluza e un concurso de traxe sevillano”. “As touradas non son cultura, só unha barbaridade. E non teñen nada que ver coa cultura galega”, sinalou Pontón, que tamén anunciou que o BNG estará presente na manifestación en contra destes supostos “espectáculos” que terá lugar ese mesmo día en Sarria. 

"A tourada de Sarria estará acompañada dunha “feira andaluza e un concurso de traxe sevillano”.

Pola súa banda, a representante da plataforma contraria ás touradas da localidade luguesa denunciou que o ano pasado o concello gastou “50.000 euros aos que se sumaron 8.000 euros máis de perdas” na corrida, cartos que “deberían terse investido en servizos sociais dada a grave crise que padecemos”.  

Por outra parte, no Pleno parlamentar da próxima semana tamén se aprobará o último dictame do Consello de Contas e se elixirá o substituto do falecido Jose Antonio Orza nese órgano. Así mesmo se aprobará a substitución do senador por designación autonómica Pablo García, do PSOE, pola actual alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, da mesma formación. Por último, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, explicará o dispositivo contra os incendios para o verán. 

Comentarios