80% das beneficiarias do IMV e Risga terán condonacións

Instan a Política Social a facer compatíbeis ambas as prestacións.
A conselleira Fabiola García e a deputada do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario) #risga #olallarodil #fabiolagarcía #políticasocial
photo_camera A conselleira Fabiola García e a deputada do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta terza feira no Parlamento que a Xunta condonará total ou parcialmente a débeda de 80% das persoas que recibiron simultaneamente o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e a Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga).

Porén, esta condonación só atinxe a quen teña fillos ao seu cargo. A Xunta, dixo, achegará "varias facilidades", como dar un prazo de 30 meses para devolver as contías. 

A conselleira afirmou que o Goberno galego, á hora de solicitar a devolución da Risga, está a aplicar a lei e responsabilizou desta problemática o Estado, xa que a Xunta "advertiu en varias ocasións" de que o deseño e a aprobación do IMV non eran as axeitadas. A Administración galega, dixo, avisou, de que habería desaxustes entre o IMV e as rendas autonómicas que darían lugar a solapamentos legais, xa que a Lei de Inclusión impide compatibilizar a Risga con outras prestacións iguais ou superiores á prestación non contributiva.

Culpou ademais o Estado de facer un decreto do IMV que tivo que ser parcheado en reiteradas ocasións, o que "impediu" mudar a lei galega para evitar tal incompatibilidade. E de cara ao longo prazo, a Xunta adaptará a súa política de inclusión do IMV á Risga coa reforma da Lei de Inclusión, anunciou García.

Así respondeu hoxe no pleno á proposta defendida pola deputada Olalla Rodil (BNG) para a creación "dunha pasarela" entre a Risga e o IMV e a transferencia deste ingreso mínimo á Galiza, co obxectivo de compatibilizar "de inmediato" ambas as dúas prestacións.

Rodil explicou que as solicitudes de devolución da Risga débense a que a Xunta non quixo "acelerar a reforma da Lei de Inclusión ou adoptar un acordo do Consello da Xunta que deixase sen efecto esas devolucións como fixo Canarias". A incompatibilidade das prestacións "acabaría cunha pasarela que levase as persoas perceptoras da Risga ao IMV e cunha reforma da Lei de Inclusión", dixo Rodil.

Comentarios