5-A: Ciudadanos propón agora ao PPdeG unha única papeleta coas siglas dos dous

Beatriz Pino, Ciudadanos (Europa Press)

Beatriz Pino insiste na "necesidade" de alcanzar este acordo de carácter "constitucionalista" para facer fronte á "ameaza" de que "o nacionalismo e do populismo" gobernen a Xunta.

A Xestora de Ciudadanos enviou esta terza feira unha carta ao Partido Popular, tanto a Génova como á dirección galega, na que se abre a renunciar á plataforma 'Mejor Unidos' para as eleccións galegas do 5 de abril e aposta por que as siglas de ambos os dous partidos figuren nunha única papeleta.

Así o avanzou en rolda de prensa a portavoz de Cs na Galiza, Beatriz Pino, quen insistiu na "necesidade" de alcanzar este acordo de carácter "constitucionalista" para facer fronte á "ameaza" de que "o nacionalismo e do populismo" gobernen a Xunta.

A carta remitida por Ciudadanos, á que tivo acceso Europa Press, aparece asinada polo presidente da Xestora, Manuel García Bofill, e expresa o seu "respecto" por que Núñez Feixoo e o PP, o "partido maioritario" de Galiza, lidere a coalición.

Na misiva, a formación liberal tamén se mostra aberta a que a alianza teña un nome distinto ao de 'Mejor Unidos'. Ademais, reclama "unha repartición proporcional de todos os espazos da campaña" e que ambos os partidos "manteñan unha actitude de leal colaboración durante toda a lexislatura".

No entanto, Ciudadanos propón a conformación de "grupos parlamentares distintos" no Parlamento galego, así como "reservar o voto en conciencia" dos seus deputados e deputadas para asuntos "de carácter moral, singularmente os relacionados coa protección de dereitos individuais".

Esta carta supón un novo paso dos de Inés Arrimadas ante a negativa do PPdeG a renunciar á súa marca por entender que Feixoo xa aglutina o voto de centro-dereita. E é que os populares ábrense unicamente a incorporar ás súas listas a cargos de Cs.

Segundo Pino, Galiza atópase nun momento "de excepción" no que "o preocupante" é que o PP perda a súa maioría e que goberne a Xunta "esa coalición pola banda esquerda, con nacionalistas e populistas".

En calquera caso, de non chegar a ningún acordo cos populares, a súa portavoz na Comunidade galega apelou aos seus votantes para que non teñan "ningunha dúbida" de que nos comicios do 5 de abril vai haber unha papeleta de Ciudadanos nos colexios electorais. "Non haberá desaparición das nosas siglas", afirmou.