110 tablets compradas para a coordinación de emerxencias con Portugal e Castela levan 15 meses almacenadas e sen usar

Terreo queimado en Muíños, na Baixa Limia. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A deputada do PSdeG Paloma Castro critica a “deficiente xestión” de emerxencias, que ten os dispositivos parados na sede da Axega dende hai máis dun ano.

A portavoz de Interior do grupo socialista no Parlamento galego, Paloma Castro, reclamou esta quinta feira á Dirección Xeral de Emerxencias que faga entrega “canto antes” das 110 tablets adquiridas hai agora un ano e 3 meses para a coordinación con Portugal e Castela e León.

Castro preguntou en Comisión polo destino destes dispositivos, e o director xeral confirmou que estaban almacenadas na sede da Axega á espera de ser actualizadas.

A deputada salientou salientou que un ano e 3 meses é “tempo máis que de abondo” para a actualización técnica das aplicacións, a mais cando en Portugal e Castela e León as levan utilizando sobre o terreo dende hai tempo.

Estes dispositivos foron adquiridos dentro do programa Ariem interrexional de colaboración nas emerxencias, e que supuxeron un custe de 80.000 euros co cofinanciamento nun 75% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Criticou a xestión “nada áxil” dos recursos de emerxencias, sinaladamente no caso dun instrumento específico para a colaboración sobre o terreo, que estivo aparcado nun almacén nun ano “negro con incendios transfronteirizos terribles”.

Lembrou o incendio iniciado en agosto nas localidades portuguesas de Monçâo e Valença que se estendeu a Tui e Salvaterra, ou hai uns dúas o que se estendeu dende o país veciño ao Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés.

Paloma Castro explicou que esta aplicación resulta “necesaria” e “melloraría o tempo de resposta”, axudando na coordinación co país veciño e supostamente optimizando a resposta ante sucesos coma os incendios que enumerou hoxe, permitindo por exemplo que o persoal sobre o terreo dispoña datos en tempo real sobre a evolución dunha emerxencia.