Mas convoca as eleccións
O president da Generalitat dará sinatura a un decreto de convocatoria "inatacábel do punto de vista xurídico" para impedir que sexa impugnado desde o Estado español.
Esta segunda feira (3 de agosto) Artur Mas oficializará a convocatoria das eleccións ao Parlament catalán. Uns comicios que se presentan como plebiscitarios arredor do proceso independentista mais que xuridicamente serán unhas eleccións máis.
Así o explicou a pasada semana o propio Mas quen asegurou que sería "inatacábel do punto de vista xurídico" para evitar que o goberno español poida impugnalas. Ora ben, ningunha das forzas políticas que se presenta obvia que estes non son uns comicios ao caso.
Neste senso, a campaña electoral arrincará o 11 de setembro coincidindo coa Diada e dividirase en dous grandes blocos: o independentista (a coligazón Junts pel Sí con CDC, ERC, Demòcrates, Moviment d’Esquerres i Avancem, e apoio de d’ANC e Òmnium; para alén da candidatura CUP-Crida Constituent. E o unionismo: PP, PSOE, Ciutadans e mesmo Unió que afirma defender Catalunya malia non ser unha opción independentista.
No medio, a ambigüidade retórica da coligazón Catalunya Sí que es Pot na que se integran Podem e ICV-EUiA, na que non estará finalmente Procés Constituent.