A independencia suporíalle a Catalunya unha ganancia fiscal de máis de 11.500 millóns de euros ao ano

Consell

O  consello Assessor per a la Transició Nacional presentou os novos informes que conclúen na viabilidade económica dunha Catalunya independente. Suporía unha ganancia fiscal de máis de 11.000 millóns de euros ao ano. 

Arredor de 11.500 millóns de euros ao ano cifra o Consell Assesor per a la Transición Nacional que suporía a secesión de Catalunya. Os informes presentados esta semana polo órgano asesor confirman a viabilidade da independencia aínda que sinalan que, no caso do proceso contar coa oposición do goberno central, a Generalitat precisaría aportar no inicio entre 4.500 e 5.000 millóns ao mes. 

O órgano que asesora ao Govern no debate soberanista sinalou tamén que a seguridade social sería completamente viábel nun estado independente, mesmo sen o acordo co goberno de Rajoy na súa posta en marcha. O presidente do Consell Assessor per a la Transición Nacional, Pi-Sunyer expuxo durante a semana en rolda de prensa os últimos informes do órgano nos que confirmou a sustentabilidade dunha seguridade social catalá, é dicir, o pago das prestacións e mesmo das cotizacións das persoas que traballaran en Catalunya. O presidente do Consell estimou en máis de 11.000 millóns de euros os ingresos adicionais da independencia que garantirían o desenvolvemento dun sistema de prestacións públicas catalá. Confirma, polo tanto, que a seguridade social sería viábel desenvólvase o referendo con ou sen acordo do Estado.