EDITORIAL DO SERMOS 196 NO CENTENARIO DAS IRMANDADES

Un século de construción do país

Cadro de declamación da Irmandade da Coruña. Atópanse presentes, entre outras, Elvira Bao, Carme Chao, Micaela Chao, Carme Meléndrez, Tulia Meléndrez, Luísa Castelo e Víctor Casas. A Coruña 1921

Dado que é esta cuarta feira 18M o día en que se fai o centenario das Irmandades da Fala, avanzamos, antes mesmo de saír do prelo, o editorial do Sermos196, dedicado á devandita efemeride.

Un país para ser construído ten de ser previamente imaxinado, concebido, deseñado. Esa foi a tarefa histórica que cumpriron as Irmandades da Fala, a primeira organización política nacionalista na Galiza com vocación de masas, con vocación de articular unha maioría social para emancipar a nación. Iso é o que celebramos o 18 de maio, o día do centenario dun colectivo que coa pasaxe dos anos daría lugar ao nacimento do Partido Galeguista de Castelao e Bóveda. A vontade de sermos nación. A vontade de construírmos un país libre.

En entrevista com María Obelleiro, di Elvira Bao, testemuño vivo das Irmandades, que sen elas nada do que temos hoxe existiría. É certo. Non pasou debalde esta centuria. As Irmandades, o seu legado, mudaron a paisaxe, mudaron continente e conteúdos. Deixaron un país con máis consciencia de seu e máis vertebrado. A Galiza de hoxe xa dispón de organizacións políticas, culturais, de defensa da lingua e sindicais de abano nacional e con apoios masivos. Así se viu este 17M nas rúas de Santiago de Compostela, cunha multitude a defender a lingua galega, cumprindo os soños dos Vilar Ponte e demais irmás e irmaos que en 1916 non por acaso elixiron a palabra Fala para facer parte do nome dunha organización política.

Non pasou debalde esta centuria. As Irmandades, o seu legado, mudaron a paisaxe, mudaron continente e conteúdo

Mais a construción está aínda por rematar. Hai moitos andares que erguer sobre a estrutura que nos legaron as Irmandades da Fala. Moito país aínda por vertebrar. O camiño é longo, mais o guieiro non difire no substancial do que pescudaron as nais e os pais do nacionalismo moderno contemporáneo nas primeiras tres décadas do século XX: a necesidade de entidades políticas, sindicais, culturais, ambientalistas, de todo tipo, que, co centro de decisión na Galiza, organicen o pobo galego visando a súa emancipación nacional e social.

O mellor tributo que podemos render ás Irmandades é continuarmos o seu guieiro e completarmos a súa tarefa, a enchermos de conteúdo real os seus soños.