Fruga reclama que a Xunta asuma os danos do xabarín no agro

Xabarín

O xabarín está a provocar cada vez danos máis importantes nas explotacións agrarias diante da deixación de responsabilidades da Xunta que non convoca axudas desde hai dous anos e non pagou as anteriores. FRUGA reclama que a Consellaría elabore un plan de prevención e que habilite axudas urxentes. 

A Xunta leva desde o ano 2011 sen convocar axudas para paliar os danos provocados polo xabarín e non materializou o pago das anteriores no que a Fruga denuncia como unha deixación de funcións por parte da administración pública como principal valedora dos nosos sectores produtivos, xa que é a administración a que ten a capacidade técnica e económica para

encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe”. Reclaman de maneira urxente que elabore un censo para executar un plan de actuación público e que habiliten axudas ás explotacións. 

O censo da poboación do xabarín entraría dentro dunha actuación que contemplara a prevención de danos dentro dun plan de actuación público. En canto ás axudas, reclaman que se habilite de maneira urxente unha liña con orzamentos co fin de cubrir os danos provocados pola fauna salvaxe, perda de colleitas e rehabilitación das zonas afectadas. 

Denuncia Fruga que a Xunta está a trasladar a responsabilidade aos Tecores, cando, segundo din non teñen capacidade de asumir o control nin dos animais salvaxes nin dos danos que puideran ocasionar a terceiros. 

Para o sindicato o aumento dos danos debidos á fauna salvaxe é un efecto das políticas aplicadas polo PP no agro e están en “relación directa coa situación de abandono do noso medio rural por parte do Goberno Galego”. 

Desde o 2011 a Xunta deixou de publicar a convocatoria de axudas para paliar os danos producidos polo xabarín. Con anterioridade, a Consellaría de Medio Rural só asumira o pago dunha parte na convocatoria do 2009 e  nin un só euro na do 2010.