Editorial Sermos266

Feijóo demite como presidente da Xunta

Alberto Núñez Feijóo

 

 

No debate do estado da nación Feijóo non actuou como presidente da Xunta. Demitiu na práctica do seu cargo. Quen tomou a palabra no Pazo do Hórreo non era o titular do executivo galego. Era un dirixente da liña dura, se é que existe unha liña branda, do seu partido. Feijóo non puxo por diante os intereses galegos -a contradicer a súa palabra de orde de el ser "militante da Galiza"-, senón que se limitou a despregar o argumentario de inspiración neo-falanxista do PP.

 

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo con sobreactuación españolista. O que non lle doe é Galiza. Esquece Feijóo que Galiza é tan nación como Catalunya ou Euskal Herria e que, portanto, debemos aspirar como sociedade a non ser preteridos, desprazados, no debate político en curso. Un debate que, máis cedo que tarde, abocará o Estado a ter que discutir sobre a soberanía, sobre cal é o suxeito político a partir do cal se ten que estabelecer quen ten o poder para lexislar.

 

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo con sobreactuación españolista. O que non lle doe é Galiza

 

O que estamos a viver é o comezo do fin do réxime de 1978. Non é sustentábel definir a "nación española" como fonte das faculdades lexislativas. É a hora das nacións. É a hora de criarmos as condicións que nos leven canto antes a termos un goberno galego digno de tal nome.