De viños pola Vía Nova

Valdeorras: terra de viños e lousa. Seguindo as pegadas que os romanos deixaron na comarca. Este artigo de Cristina Núñez é unha das propostas que inclúe 'Gozar', o suplemento de Nós Diario para o lecer que se publica as sextas feiras. 
_MG_9338
photo_camera A Ruta do Viño de Valdeorras permite a quen visite a comarca gozar do viño, da gastronomía, da paisaxe, da cultura e do ocio. (Foto: Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras)

Valdeorras é unha das Denominacións de Orixe (DO) máis antigas e naceu para garantir a calidade dos viños desta comarca, traballar na recuperación de variedades autóctonas como a Godello e fomentar plantacións doutras variedades como a Mencía.

Baixo o amparo desta denominación medrou a Ruta do Viño de Valdeorras,  proxecto creado por un grupo de persoas emprendedoras comprometidas con descubrir os segredos da súa terra ás e aos viaxeiros, e onde poder gozar do viño, da gastronomía, da paisaxe, da cultura, do ocio activo ou, simplemente, da placidez do campo. 

Adentrarse até o corazón

Nesta comarca, o río Sil acompáñanos durante algúns tramos do camiño até penetrar no corazón de Valdeorras, conducíndonos até un profundo val que vai modelando ao seu paso. É un val acolledor, de terra roxa e arxilosa, unha zona  aurífera onde as colonias romanas afondaron séculos atrás para extraer ese metal tan valioso que é o ouro. Ese pasado mantense hoxe, ofrecendo, desde o máis profundo das súas entrañas, covas en que as súas bodegas acadan a temperatura necesaria para o coidado dos viños. 

O importante patrimonio vitivinícola que atesoura Valdeorras impregna desde o recuncho máis escondido até o sentir de vilas e aldeas. Por iso, o viño é a escusa perfecta para percorrer un territorio rural, en que as elaboracións máis frecuentes son viños monovarietais. Nos brancos destacan os de Godello, caracterizados por un fino aroma afroitado, de cor amarela palla; e pola boa estrutura na boca, resultado de excelentes madureces. En tintos predominan os de Mencía, de cor cereixa con reflexos púrpura, elegante aroma afroitado e, ás veces, tamén florais, cun bo equilibrio alcohol-acidez, apetitosos e de retrogusto intenso e prolongado. Tamén existen outras interesantes elaboracións nas que entran tempranillo e garnacha tintoreira.

(Podes ler o artigo íntegro de 'De viños pola Vía Nova' no suplemento Gozar, no teu Nós Diario de mañá (e de todas as sextas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Martín Agrelo Janza escribe sobre a illa de Cortegada, a chef Lucía Freitas e Pedro Feijóo deixan as súas opinións nas seccións 'tesouros' e 'rúas secundarias' e a blogueria Xiana Pérez protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios