'Pelé, o rei do fútbol na Galiza' abre o caderno 'Xogar' desta semana

Edson Arantes do Nascimento, 'Pelé' (centro), con Garrincha, Jair, Milton Santos, Zagallo, Pepe e Didí sobre o céspede de Riazor.

Billarda, vela, baloncesto, balonmán ou roller derby teñen un oco esta semana no suplemento deportivo de Nós Diario, que abre unha reportaxe histórica sobre a visita galega de Edson Arantes do Nascimento en 1959, quen botou un raio de luz brasileira sobre as vidas dunha poboación que tiña no fútbol unha vía de escape

O de Pelé é un deses nomes que non necesita ir acompañado dunha presentación. Considerado -con permiso de Maradona- o mellor xogador de todos os tempos, na súa ampla carreira gañou tres copas do mundo e anotou 1281 tantos en 1363 partidos, unha marca estratosférica á que ninguén conseguiu acercarse nin remotamente.

Antes de lograr a maioría dos recoñecementos que adornan o seu palmarés, mais co Mundial de Suecia xa no peto, un Pelé de 19 anos chegou á cidade da Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera de 1959.

Gañou o seu Santos por 4-1 ao Botafogo de Garrincha, el marcou un gol e deixou unha pegada indelébel entre todas as persoas que tiveron a sorte de asistir ao encontro, até o punto de que o lendario crítico deportivo coruñés José Luís Bugallal, Marathón, -que nunca antes se desfixera en eloxios cara a un futbolista e nunca máis volvería facelo- escribiu: "Pelé é un xenio fenomenal, fóra de serie, un novo mago do fútbol que domina a pelota, xoguetea con ela, aloumíñaa, dispara ao seu antollo...".

O impacto mutuo entre Pelé e a cidade da Coruña

A devoción de Galiza por Pelé foi alén do seu fútbol. O brasileiro caeu en graza polo seu humilde comportamento dentro e fóra do campo e polo seu eterno sorriso. 

Lamentabelmente, esta foi a derradeira vez que a afección galega tivo a sorte de ver sobre un terreo de xogo do país o Rei do fútbol, aínda que o impacto que creou a nosa terra en Pelé tamén foi mutuo.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Pelé, o rei do fútbol na Galiza'  no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Omar Bello escribe sobre a billarda no artigo 'Un deporte para un país'; Ismael R. Saborido e Óscar Losada deixan as súas opinións nas seccións 'Meta voante' e 'Pé a terra', e Sergio García, adestrador do Basquet Coruña, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.