As 'Outras caras da guerrilla' protagonizan as páxinas centrais do caderno 'Coñecer'
Aínda está por facer unha historia global da guerrilla na Galiza, que debuxe un retrato conxunto da actividade armada antifranquista no país e que poña luz sobre a complexa traxectoria das redes clandestinas e dos organismos guerrilleiros. Esta circunstancia condiciona enormemente o traballo de investigación histórica, pois obriga a recorrer a fontes parciais e ás veces tendenciosas, como a prensa oficial ou a prensa de partido. A resistencia ao golpe militar en xullo de 1936 e as actividades clandestinas e guerrilleiras que naceron inmediatamente despois tiveron como soporte o voluntarismo de todas e cada unha das persoas que se incorporaron á loita; que ademais fixérono xeralmente nun ambiente de colaboración e respecto entre militantes de diversas organizacións, persoas sen militancia e familiares e amigos das persoas implicadas no combate. O remate da II Guerra Mundial e a progresiva desaparición da esperanza nunha inmediata caída da ditadura militar fixeron que aquel ambiente fora pouco a pouco degradándose, algo que foi evidente na evolución da loita guerrilleira. O control partidario desde o exilio por parte do Partido Comunista afondou nunha visión moi autoritaria do combate contra o franquismo, onde comezaron as sospeitas contra os militantes doutras organizacións, a “queima” das redes de enlaces e as operacións de “depuración”.
As historias de Amador Domínguez Pan e José Pedreira de la Iglesia (entre outros) son unha mostra do deterioro do ambiente na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro, a perda de pluralidade desta organización, e a súa deriva estalinista. Tanto Amador como Pedreira proviñan da CNT e estiveran comprometidos coa resistencia ao franquismo desde moi cedo: Amador xa estivera encarcerado en 1936 pola súa resistencia nas escolas de mariñeiría de Ferrol e cando saíu da cadea non tardou en reincorporarse ás actividades clandestinas, mentres José Pedreira chegara á guerrilla algo máis tarde. Pedreira mesmo tivera contactos coa estrutura clandestina da CNT na Coruña para a creación dunha guerrilla específica libertaria, que non chegou a bo porto pola opción estratéxica maioritaria na organización confederal de potenciar a reorganización política e sindical, e as súas reticencias cara á actividade armada, con vistas a conseguir o apoio das potencias occidentais cara ao cambio de réxime.
Ao longo de varios anos, Amador Domínguez Pan José Pimentel e José Pedreira de la Iglesia Queimarán ou Tomás Padilla actuaron en diversas accións guerrilleiras, integrados no Destacamento “Lister” da IV Agrupación.
(Podes ler o artigo íntegro 'Outras caras da guerrilla' no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)
Neste número, ademais, Marcelino Abuín Duro escribe sobre 'Redes no mar da memoria' ; Paula Verao e Lois Diéguez deixan as súas opinións nas seccións 'Herdo' e 'Mil ollos', e Matías da Torre, membro da Iniciativa Galega pola Memoria, protagoniza o 'selfie' desta semana.
Suplementos diarios de carácter temático
Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.