Lavodrama & Schlegel S.L: os anos de ouro do Clesa Ferrol

Os 80 foron a época dourada do Clesa Ferrol, anos nos que chegaron a competir tres veces na Copa Korac da man dunha das parellas de estranxeiros máis lembradas nos albores da ACB: Anicet Lavodrama e Mike Schlegel. Texto Marcos Gendre Fotos Cedidas
lavodrama
photo_camera Podes ler o artigo 'Lavodrama & Schlegel S.L.' no teu caderno 'Xogar' de hoxe

Aínda que soamente xogaron xuntos nas tempadas 87-88 e 88-89, Schlegel e Lavodrama deixaron un recordo inesquecíbel nas e nos ferroláns que, xornada tras xornada, acudían á Malata para vibrar cun equipo no que a sinfonía baloncestística tamén tiña como intérpretes o canoneiro do 6,25 Manolito Aller, o apagalumes Loureiro, e nomes que quedaron gravados con letras de ouro na súa historia como Aldrey e Juane.  

Con anterioridade a estes anos, o Clesa Ferrol chegara a competir tres veces na Copa Korac. Non obstante, esta época de éxitos, centrada nos comezos da década dos oitenta, endexamais tivo a repercusión coa xente da cidade como a lograda por ferroláns de adopción como Lavodrama.

Un dos xornalistas que coincidiu co que pode ser considerado como o equipo de basket galego máis destacado da historia foi o mítico Xoán Barro. Como el mesmo me conta: "Estiven colaborando moito tempo cunha revista que se editaba en Barcelona, Mundo Basket. Levábaa un italiano. Coincidín coa época de apoxeo do Oar Ferrol. Mira como era o baloncesto naquel tempo que o único que retransmitía nos pavillóns a onde ían xogar, en Primeira división, era eu. Agora hai douscentos tipos, aínda que de prensa escrita si había máis".

Barros foi protagonista no ascenso do Clesa Ferrol á Primeira Division en 1988, cando a Liga ACB, constituída en 1984, aínda estaba en panos e non era consciente do seu verdadeiro poder mediático. Tal como el lembra dos partidos de ascenso: "Tiven que andar colgado do lateral da liña de fondo porque os da Telefónica foron alí, a deixaron enrodelada, e logo liscaron".

Naquela tempada, Richard Anicet Lavodrama, que xa levaba no club desde 1985, volveu destacar como o gladiador do equipo baixo os aros. Sen ser un pivote moi alto (2,04 medía), resaltaba por unha fortaleza física descomunal, mesturada coa axilidade que lle proporcionaba a súa musculatura apolínea de trazos africanos. 

Tratábase dun xogador que conectaba coa afección pola súa entrega e o espectáculo que brindaba a golpe de tapóns e mates, como os que executou no concurso de mates que realizou a ACB no seu primeiro ano na liga española. Pero antes que un xogador vistoso de cara a galería, foi o paradigma do que se entende como xogador de equipo.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Lavodrama & Schlegel S.L.'  no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as quintas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Héctor Pena escribe sobre o "roubo" ao arqueiro galego Miguel Alvariño;  a Federación Galega de Voleibol e José Méndez -presidente da Federación de Peñas Celtistas- deixan as súas opinións nas seccións 'Meta voante' e 'Pé a terra', e a futbolista galego do Betis Borja Iglesias protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios