O Tribunal Supremo británico aproba a extradición de Assange
Assange, de orixe australiana, estaba ausente da sala cando foi comunicada a decisión nunha audiencia que durou 10 minutos. Cinco dos sete xuíces do Supremo consideraron que no caso dunha petición de detención para toda a Unión Europea (UE) abondaba coa firma dun fiscal. No entanto, a aplicación da decisión ficou pendente para dentro de dúas semanas xa que o tribunal outorgou á defensa ese prazo para pedir a reapertura do proceso.
O xornalista, de 40 anos, converteuse nunha celebridade mundial e enfureceu o Goberno de Washington en 2010 cando Wikileaks deu a coñecer filmacións secretas e miles de telegramas diplomáticos estadounidenses sobre as guerras en Iraq e Afganistán.
Assange acusa as autoridades de Estados Unidos de estar detrás do proceso legal
Assange, retido en Londres desde decembro de 2010, oponse ao seu envío a Suecia, xa que ademais de defender insistentemente a súa inocencia, acusa as autoridades de Estados Unidos de estar detrás do proceso legal.
A súa detención respondía a unha orde europea emitida pola fiscalía da nación escandinava para interrogalo como sospeitoso de catro supostos delitos de agresión sexual, polos cales aínda non foi formalmente acusado.
O fundador de Wikileaks recorreu ao Supremo despois de que en novembro de 2011 o Tribunal Superior aprobase a súa extradición a Suecia, confirmando así a decisión tomada en febreiro dese mesmo ano por unha corte inferior.