Causa Galiza valora que o rescate converte o Estado español ''nun protectorado''

@s soberanistas alertan da "situación de indefensión" na que fica o noso País tras a intervención ao carecer de soberanía política, e cuestionan "a utilidade política" da Xunta

A organización da esquerda soberanista Causa Galiza denunciou a maquillaxe coa que o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, e o seu ministro de Economía, Luis de Guindos, untaron o rescate do sistema bancario cos 100.000 euros que chegaron ao Frob procedentes do Eurogrupo para repartir entre bancos e caixas, unha vez que remate a auditoría externa. "A intervención converte o Estado español nun protectorado, baleira aínda máis o Estatuto de Autonomía e dá paso a unha serie de negativas consecuencias que se irán degranando nas vindeiras semanas".

Así as cousas, Causa Galiza cuestionou a veracidade do dato de que o 70% do sistema "está a salvo", ante a inxección de recursos en NovaGalicia Banco, Bankia, CatalunyaCaixa e Banco de Valencia. As posibilidades de "absorción externa e extinción definitiva" do sistema financeiro galego van en aumento.

Aínda que Rajoy procurou minimizar calquera consecuencia do rescate, este suporá un incremento da débeda do Estado, a posíbel elevación do IVE ata o 23% seguindo o ronsel de Grecia ou Portugal, a ampliación da idade de xubilación, a profundización dos aspectos máis lesivos da reforma laboral para a clase traballadora galega, novos recortes nos servizos públicos e o control máis estreito da Troika --Comisión Europea, FMI e BM-- sobre os gastos do Estado español, e tamén da Galiza. Todo co pano de fondo da cesión de soberanía estatal e colocación do noso País "nunha situación de indefensión aínda máis acentuada que a actual", ao carecer de soberanía política.

Galiza, que xa se estaba "sometida a procesos de desgaste" desde Madrid coa fixación de teitos de gasto e endebedamento e a invasión competencial, sofre con esta medida "un paso máis no seu baleiramento e profundiza a inutilidade da autonomía administrativa" como instrumento institucional para defender os intereses da maioría social galega. "A utilidade política da Xunta está hoxe máis en entredito que nunca", sinalou Causa Galiza.