ENTRE 16 E 50 FALECIDAS

Sobe o número de persoas mortas polo bombardeo dos EUA contra un hospital afgán xestionado por MSF

MSF

[ACTUALIZADA ás 17.51] Aumentan as cifras de persoas falecidas no bombardeo do Exército estadounidense na madrugada do sábado contra un hospital da cidade afgá de Kunduz. Mentres que pola mañá se falaba de 9 persoas mortas e 37 desaparecidas, as cifras de falecidas oscilan agora entre as 16 e as 50 persoas, a falta de que se confirmen os datos.

Fontes do Goberno afgán informan esta mañá de que cando menos nove sanitarios de Médicos Sen Fronteiras foran asasinados esta noite consecuencia dun ataque dos EUA a un hospital da cidade de Kunduz e de que unhas 37 persoas que pertencen a esta ONG estarían feridas. A estas horas a cifras de mortos e mortas oscilarían entre as 20 e as 50. Segundo The Guardian, as persoas falecidas serían 20. O Telegraph, pola súa parte, aumenta o número de persoas mortas a medio cento. Medios españois aseguran que os mortos son, cando menos, 16, a mesma cifra que achega MSF.

“Como resultado do bombardeo estadounidense contra o hospital de MSF en Kunduz, cando menos tres persoas morreron e 37 resultaron feridas, incluídos persoal de MSF”, apuntaba na súa conta de Twitter Wahidullah Mayar, portavoz do Ministerio de Saúde de Afganistán, esta mañá antes de coñecerse que os falecidos ascendían a entre 20 e 50 persoas.

A OTAN, que investiga o bombardeo e a súa procedencia, sinalou que o ataque tivo lugar contra “persoas que ameazaban as forzas da coalición”, sen precisar máis nada. A Alianza Atlántica mantén ao redor de 4.000 militares en territorio afgán “en misión de asistencia” e os EUA manteñen unha operación “antiterrorista” na que participan perto de 10.000 efectivos.

No momento do bombardeo no centro hospitalario atopábanse 105 doentes e uns 80 sanitarios.

Kabul e Washington estaban "claramente informadas" da localización precisa do hospital

MSF vén de emitir un comunicado no que, amais de condenar o ataque, asegura que informou "todos" da posición do hospital de Kunduz. "MSF desexa aclarar que todas as partes en conflito, incluíndo Kabul e Washington, estaban claramente informadas da localización precisa (as coordenadas GPS) de todas as instalacións de MSF", salienta na nota de prensa.

A ONG tamén sinala que o ataque dos bombardeiros "continuou durante máis de 30 minutos" logo de que "as autoridades militares de Kabul e Washington foran informadas por vez primeira". MSF pide que se dea a coñecer de maneira urxente o que aconteceu con exactitude e que se explique "como puido pasar un feito tan terríbel".

A ONU, pola súa banda, denunciou o carácter "posibelmente criminal" do bombardeo do hospital de MSF en Kunduz.