Viva a república, abaixo os consumos: a revolta coruñesa de 1886

Nas primeiras semanas de setembro de 1886, a comarca coruñesa será testemuña dunhas importantes protestas. Esporeada pola forte crise económica e unha política fiscal inxusta a cidadanía tomou as rúas, ergueu barricadas, queimou os símbolos da tiranía, enfrontouse á forza pública e morreu.  Xosé Vidal e Ramón González finaron no marco dunhas protestas que deixaron ducias de feridas.
a coruña século XIX
photo_camera A Coruña no século XIX. Foto: cedida.

O 5 de setembro de 1886 arranca un protesta na cidade da Coruña contra o imposto de consumos. O imposto de consumos era un tributo indirecto criado pola lei de reforma tributaria de Mon-Santillán, vixente no Estado español entre 1845 e 1911, agás nun breve período durante a I República, e que mereceu a contestación permanente da poboación galega.

O rexeitamento do imposto de consumos
Á marxe da súa natureza inxusta, do alto grao de arbitrariedade na súa xestión e das corruptelas asociadas á súa imposición, a razón fundamental  do rexeitamento popular debíase  a gravar bens de primeira necesidade ou como se afirmaba na norma “de comer, de beber, de arder”, provocando unha alza nos prezos que favorecía a carestía da vida e aumentaba os desabastecementos.

O gravame, obxecto ao tempo dun importante debate doutrinal entre os diferentes actores da política do momento, particularmente entre as diversas correntes do liberalismo, será suprimido por unha modificación lexislativa que deu paso a unha nova norma que comezou a gravar as rendas urbanas.

O asasinato do labrego Antonio Paradela por un Guarda Civil bébedo
A contestación aos consumos vai asociado nesta ocasión á denuncia da situación económica e á demanda dun novo marco de liberdades públicas. Non é casual que a protesta se enmarque nun ciclo particularmente explosivo da vida galega, definida por unha fonda crise económica, derivada do esgotamento do complexo agrario, como consecuencia das necesidades do mercado mundial capitalista e dunha caída dos prezos dos produtos pecuarios a partir de 1880.

Ao tempo, o malestar social co retroceso de dereitos que impuxo a quenda, o seu carácter represivo no político e social e o abuso das autoridades públicas ficará testado nas xornadas de loita que vivirán as rúas coruñesas e condicionarán o arranque das mobilizacións.

Non é casual, que as protestas se iniciasen, após o enterro no cemiterio de Elviña de Antonio Paradela, un labrego da Silva morto en Ventorrillo a consecuencia da malleira dun cabo da Guarda Civil bébedo, sinalando La Voz de Galicia, no seu número do 7 de setembro de 1886, que “a consecuencia dos golpes que propinou ao morto o citado cabo exasperáronse os veciños da Silva e ai comezou todo”.

O pobo enfrontase á forza pública
As mobilizacións sucedéronse ao longo de toda a semana significándose pola súa dureza. O domingo 5 de setembro, ao remate do funeral de Antonio Paradela, os asistentes desprazáronse a casiña de consumos de María Pita, que foi inmediatamente queimada tras negarse a forza pública a liberar a algunhas persoas que foran detidas no cemiterio, dislocándose de seguido, ao local da administración xeral de consumos, onde retiraron documentación e os libros contábeis que foron queimados na rúa Real.

Mentres se sucedían na os enfrontamos coa forza da orde pública, sumábanse máis veciños  á protesta, impedindo nos días seguintes as matanzas de reses no matadoiro municipal até desabastecer a cidade de carne de becerro e porco, erguéndose barricadas nalgúns barrios como Monelos, Orzán ou Eiris, onde os soldados eran recibidos ao berro de “viva a república, abaixo os consumos” continuándose coa queimas  doutras casiñas de consumos, como a instalada na rúa Sánchez Bregua, e mesmo realizando diversos sabotaxes contra determinados servizos, até o punto de levantar as redes de auga nalgunhas zonas.  Malia que será na cidade onde a protesta acadará un maior alcance, a mesma chegará a concellos veciños como Cambre e tamén a comarca de Bergantiños, con importantes mobilización na Laracha.

Dous mortos, varios feridos e máis de douscentos detidos
A veciñanza da Coruña pagou un alto prezo polo trunfo das súas mobilizacións. Se ben é certo que o concello se viu obrigado a modificar as novas taxas que viña de introducir no imposto de consumos e o alcalde sería apartado da súa responsabilidade, foron ducias os veciños feridos e arredor de douscentos os que pasarían pola cadea.

As forzas da orde non dubidaría de empregarse con dureza contra os manifestantes desde o primeiro momento, mesmo con anterioridade a proclamación do estado de guerra e da lei marcial, chegando a morrer  a consecuencias dos disparos Xosé Vidal Otero.

Ramón González, morto consecuencia do estoupido dun cartucho de dinamita que manexaba, será a outra vítima mortal dos sucesos. Xoán Lorenzo Vidal, Ricardo do Pico Prego -un neno de sete anos-, Xoán Neira e Xoana Varela, carniceira da praza e unha das dirixentes máis significadas no conflito, serán feridos de gravidade. Os encarcerados abandonarían pouco a pouco o depósito, sendo finalmente amnistiados doce persoas condenados pola xurisdición militar, entre eles Baldomero Nache, vocal do centro obreiro, cadro republicano federal , asociado co tempo da Liga Galega e director do semanario satírico republicano El duende.

Comentarios