Vilar de Barrio homenaxea as máis de 20 vítimas do franquismo no municipio

O último alcalde republicano de Vilar de Barrio, Manuel Gómez Portela, primeiro pola esquerda. (Foto: Manuel Conde)

Vilar de Barrio, na comarca da Limia, acolle na sexta feira unha xornada de homenaxe ás vítimas da ditadura franquista no municipio. Os actos arrancan ás 11 horas cunha sesión plenaria para designar a sala polivalente do Concello co nome de Manuel Gómez Portela, procedéndose a continuación ao descubrimento dunha placa na súa lembranza nese espazo.

Manuel Gómez Portela foi o último alcalde de Vilar de Barrio durante a II República. Nado en Barro (comarca de Pontevedra) e canteiro de profesión, militou no PSOE e na UXT desde os anos 20 e resultou elixido rexedor do municipio en marzo de 1936, após o trunfo electoral da Fronte Popular nas eleccións de febreiro dese ano.

O trunfo do golpe militar de dereitas de xullo de 1936 provocou o seu cese como alcalde e a súa detención. Tras unha breve estadía no cárcere, de onde foi liberado co obxectivo de ser asasinado, permaneceu agochado durante tres anos no municipio da Lama, regresando a Vilar de Barrio a mediados de 1939.

As vítimas

Os actos de lembranza aos máis de 20 veciños de Vilar de Barrio represaliados pola franquismo organizados polo Concello de Vilar de Barrio para a sexta feira de 3 de xaneiro, continúan ás 11:45 cunha palestra sobre o plan de exhumación de fosas comúns na Galiza a cargo do doutor Fernando Serrulla e outra do decano da Facultade de Historia de Ourense, Xulio Prada, ao redor da represión aos operarios dos tramos galegos o ferrocarril Madrid-A Coruña.

O alcalde actual de Vilar de Barrio, o nacionalista Manuel Conde, sinala a Nós Diario que “non hai nada peor que o descoñecemento e o esquecemento por iso organizamos este acto de homenaxe ás vítimas do franquismo no noso concello”. Neste punto, indica que “para evitar repetir o que pasou en 1936, a xente, sobre todo a nova, ten que coñecer o que aconteceu”.

O esquecemento

Conde considera que “desde os concellos pequenos do interior da Galiza debemos desenvolver un labor de descuberta da nosa memoria represaliada e ao mesmo tempo rebelde”. Nesta dirección, lembra que “Vilar de Barrio antes de 1936 era un concello de vangarda, progresista e desenvolvido economicamente”.

A dura represión padecida pola veciñanza Vilar de Barrio non se explica sen a conflitividade social e a forza das organizacións progresistas no período republicano, cun peso destacado dos poderosos sindicatos de  CNT das parroquias de Prado e Vilar de Barrio, que agrupaba centos de traballadores do ferrocarril do municipio.

Os operarios dos camiños de ferro, que protagonizaron longas folgas no municipio desde 1931 a 1936, padeceron unha dura represión. Un deles, Antonio Souto foi fusilado o 31 de decembro de 1936 e outros, como Gumersindo Castañeda, David González, Isauro Lamelas, Celso Ledo, Ricardo Sanmartín ou José Villar resultaron condenados a cadea perpetua.

Os asasinados

Antonio Souto non foi a única persoa nacida en Vilar de Barrio asasinada polo franquismo. Unha sorte semellante correu  o propietario e concelleiro de Izquierda Republicana, Jovino Cid, cuxo corpo continúa desaparecido, e Emilio Álvarez Robles, morto en León en 1938.

A memoria represaliada e rebelde de Vilar de Barrio non é completa sen a figura do mítico guerrilleiro antifascista, Juan Sorga. Aínda que nado no veciño concello de Sarreaus, a súa historia persoal e política estivo moi ligada a Vilar de Barrio, até a súa fuxida da Limia en 1950, para rematar no exilio francés tras residir case unha década con identidade falsa en Madrid.