As guerrillas galegas ao descuberto

Manuel Conde: “A historia de Sorga nun país normalizado estaría no cinema”

Manuel Conde Gómez (Vilar de Barrio, 1960) é funcionario da Seguridade Social e ocupa actualmente a alcaldía de Vilar de Barrio. Persoa dunha longa traxectoria política, leva moitos anos comprometido coa recuperación da memoria democrática galega. Nesta terza feira, achégase en Nós Diario á figura de Juan Sorga. 

Manuel Conde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Conde. (Foto: Nós Diario)

Juan Sorga é un dos grandes mitos da guerrilla da Limia, segue aínda a súa memoria presente entre a poboación da comarca?

A lembranza de Sorga mantense entre moita xente da Limia. Non me equivoco se digo, que non hai persoa nalgunha parroquia de Sarreaus ou de Vilar de Barrio que non coñeza a súa historia.

Tiña fama de ser un home valente, que non tiña medo á Garda Civil, botado para adiante e dun nivel cultural moi por riba da media da zona. Ademais estaba considerado como un bo tirador.

A medida da súa forma de ser dánola a súa fuga das forzas da orde, após ser detido na ponte romana de Ourense portando unha misiva da guerrilla, chegando após a Pazos acompañado da Garda Civil e despois escapando tras dar unha sinal de alarma aos guerrilleiros que agardaban por el na casa-taberna do seu sogro en Sarreaus.

Hai todo unha historia arredor de Sorga que se este fora un país normalizada estaría no cinema ou nos libros.

"Tiña fama de ser un home valente, que non tiña medo á Garda Civil, botado para adiante e dun nivel cultural moi por riba da media da zona"

No seu traballo céntrase na actividade clandestina de Sorga, pero que se sabe dos seus compromisos políticos con anterioridade a súa vinculación coa guerrilla?

Cando se produce o golpe de Estado de 1936, Sorga tiña 18 anos e atopábase como tantos outros mozos galegos na sega en Castela. Non tarda en incorporarse como voluntario ao exército popular, sendo integrado no servizo información, unidade composta por persoas de máxima confianza e de certa capacidade, rematando a contenda en 1939 co grao de tenente.

Unha vez rematada a guerra foxe a Francia como miles de combatentes republicanos, acabando  internado no campo de concentración de Sepfons, no departamento de Garona, e posteriormente en Argeles, na Catalunya Nord.

Finalmente, en agosto de 1940, as autoridades francesas depórtano ao Estado español, comezando aquí outra etapa da súa vida. Precisamente o seu sogro, Honorio Campos, coñecido popularmente como Norino, era, en xullo de 1936, concelleiro en Sarreaus pola Fronte Popular.

Na súa investigación traza unha panorámica xeral sobre a loita de Juan Sorga, porén advirte no traballo que deixou moitos aspectos fóra por falla de espazo, cales deles quere recuperar agora?

Hai múltiples anécdotas que denotan a forma de ser de Sorga. Así, por exemplo, nunha ocasión atopábase cando outros escapados en Parada do Folgón, en Vilar do Barrio. Unha zona próxima ao río Arnoia e que naquela altura contaba con moitos muíños. Precisamente un muiñeiro deu conta á Garda Civil da presenza deste grupo e de Juan Sorga.

As forzas da orde presentáronse alí e os guerrilleiros desarmáronas e fixéronlle cruzar o río nunha dirección diferente pola que eles ían fuxir. Esta historia escoteina eu moitas veces. O curioso é que un dos gardas civís desarmados aquel día confirmoulla anos despois ao propio fillo de Sorga, Juan Sorga Sampedro, cando este estaba emigrado en Euskadi. 

Ao tempo que Sorga se atopaba na clandestinidade a súa familia foi sometida a unha dura represión, que destacaría da mesma?

Toda a súa familia foi represaliada. A muller e o seu fillo. Eu coñecín á compañeira de Juan, a Ángela, un persoa duramente torturada no cárcere de Sandiás, condenada a varios anos de prisión, que mesmo tentou quitarse á vida para fuxir da represión e que os sucesos que viviu remataron por marcala toda a vida.

O seu fillo, Juan Sorga Sampedro, tamén sufriu moito sendo aínda un neno de meses. De feito, a día hoxe, moitas xentes da Limia aínda lle teñen un afecto especial non só por ser unha boa persoa senón por ser o fillo de Juan e Ángela. Neste sentido, bótase en falla un recoñecemento oficial por parte das institucións a estas persoas.

A represión non parou no círculo máis intimo, senón que chegou á nai, ao sogro e aos seus curmáns. Así, todos os seus curmáns de Cortegada pasaron pola prisión e foron duramente torturados. Mesmo, a un deles, Ismael Sorga foi asasinado polo “brigadilla” da Garda Civil que lle aplicou a “lei de fugas” en novembro de 1948

"Toda a familia de Sorga foi duramente represaliada"

A biografía de Juan Sorga está chea de incógnitas, mesmo vostede fala deste traballo como unha primeira aproximación, porén segue aberta a dúbida se conseguiu fuxir a Francia en 1950?

El tiña opción de marchar após os sucesos de Ourense pero optou por ficar aquí até que canda outros guerrilleiros da comarca decidiron escapar a Francia.

Eu e á maioría dos veciños da Limia gustaríanos que Juan dera chegado a Francia pero o último dato certo que temos é que o 26 de maio de 1950 é sorprendido pola Garda Civil nun tren saíndo de Madrid con dirección a Zaragoza.

O seu compañeiro de fuga Manuel Rodríguez é detido e fusilado un ano máis tarde, Juan consegue fuxir saltando do comboio en marcha, pero a partir de aí todas son especulacións.

A maioría da xente opina que conseguiu fuxir a Francia, mesmo un dos seus fillos chegou a contratar un detective privado para que vira de buscalo en Francia, porén as autoridades prohibiron o operativo argumentando que a decisión de presentarse á súa familia correspondíalle a Juan.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios