Vigo homenaxea este domingo 20 ás vítimas do xenocidio franquista

Declaración do estado de guerra na Porta do Sol de Vigo o 20 de xullo de 1936 (Foto: Cedida)

A Porta do Sol de Vigo acolle este domingo 20 de xullo a partir de 20 horas un acto de lembranza ás vítimas do franquismo organizado pola asociación Memoria, Verdade e Xustiza.

O 20 de xullo de 1936 arrancaba a represión franquista en Vigo. 89 despois o movemento da memoria democrática da cidade promove unha xornada de lembranza a todas as vítimas da ditadura franquista.

Os actos desenvolveranse fronte á Porta do Sol, un espazo cheo de simbolismo e vinculado á memoria antifascista e resistente da cidade, por ser o lugar escollido polos militares para proclamar o estado de guerra en xullo de 1936.

A asociación Memoria, Verdade e Xustiza sinala que  "o 20 de xullo de 1936, en Vigo, líase na Porta do Sol a proclamación militar que declaraba o estado de guerra, marcando o inicio da loita armada e resistencia republicana na cidade de Vigo".

A entidade lembra que "esta contenda urbana, que durou até 28 de xullo, enfrontou as forzas rebeldes franquistas e ao pobo de Vigo, converténdose nun dos enfrontamentos máis significativos na Galiza".

O colectivo promotor do acto incide na súa intención de homenaxear ás vítimas, "a estas primeiras vítimas en Vigo e ás que foron froito da resistencia dos días posteriores, así como aos milleiros que foron asasinados, represaliados e castigados de diversas formas en toda Galiza".

A asociación Memoria, Verdade e Xustiza quere recoñecer  "as mulleres abusadas e humilladas en público, e obrigadas a traballar en casas e nas fábricas como escravas. A todos aqueles e aquelas que sufriron represión na nosa terra por defender unha sociedade máis libre e máis xusta".

Programa de actos

O programa dos actos de homenaxe arranca ás 20 horas cunha intervención do representante da asociación Memoria, Verdade e Xustiza Serafín Otero. A continuación Carmeliña recitará un poema de Rosalía de Castro.

A xornada rematará cunha actuación musical do grupo A Cordeireta, que interpretará dous temas para pór ramo actos de homenaxe ás vítimas do franquismo.