Vía Galega lembra o 90 aniversario do recoñecemento da Galiza como nación

Anxo Louzao e Lucía Veciño, onte, na presentación pública do congreso.(Foto: Arxina)
O sábado 16 de setembro, o salón de actos do Museo do Pobo Galego acolle un congreso baixo o título "Recoñecemento Internacional da Galiza Nación". A iniciativa, presentada onte en rolda de prensa, está promovida pola plataforma social Vía Galega, coincidindo co 90 aniversario do recoñecemento da Galiza como nación por parte da Sociedade de Nacións.

O voceiro de Vía Galega, Anxo Louzao, sinalou que “a data da celebración do congreso é porque, precisamente, o 16 de setembro deste ano se cumpren 90 anos do IX Congreso das Nacionalidades Europeas, decorrido en Berna (Suíza), os días 16 ao 19 de setembro de 1933, e que supuxo o recoñecemento internacional de Galiza nación”.

Louzao expresou a pretensión de “conmemorar e achegarnos a un acontecemento relevante da nosa historia, analizarmos os antecedentes, o contexto político e as propostas nacionalistas daquela época”.

Neste sentido, salientou a transcendencia do congreso “para o recoñecemento internacional e proxección exterior da nación galega, destacando o papel fulcral de Plácido Castro neste cometido”.

O portavoz de Vía Galega aseverou que os nacionalistas galegos dos anos 30, organizados no Partido Galeguista, “consideraban a integración da Galiza nun escenario mundial  en pé de igualdade co resto das nacións”. Nesta dirección, “pretendían articular alternativas en todos os ámbitos, dar a coñecer as ansias de liberdade da Galiza e situarse no panorama internacional como nación, desde unha visión antiimperialista, pacifista e en pé de igualdade co resto das nacións.  Alicerces que continúan a definir o nacionalismo galego actual”.

O congreso do próximo sábado pretende, en palabras dos organizadores, “aportar diferentes claves para afondar no coñecemento da nosa historia, interpretar a actual realidade política, reforzar a colaboración das forzas nacionalistas e soberanistas do Estado e superar o actual marco político estatal, para alcanzar un status político de nación para Galiza”. A este esquema responden as palestras e relatorios da xornada organizada por Vía Galega.

 

Relatorios

Un primeiro bloque de relatorios xirará arredor da realidade do nacionalismo nos anos 30, da súa axenda internacional e do labor de Plácido Castro como responsábel de política internacional do Partido Galeguista. Precisamente, estas palestras correrán a cargo do historiador da Universidade de Deusto Xosé Estevez, do profesor da Universidade da Coruña (UdC), Uxío-Breogán Diéguez e do catedrático da Universidade de Santiago Compostela (USC) Ruben Lois.

Unha segunda quenda de palestras analizará a situación actual do nacionalismo galego, así como o proxecto comunitario na súa fase actual. Nesta parte, intervirá o ensaísta e profesor Francisco Rodríguez e a profesora e directora do Centro de Documentación Europeo da USC María do Carme García-Negro.

O encontro rematará cunha mesa redonda sobre as nacións sen Estado en Europa e as posibilidades do dereito de autodeterminación, onde participará a senadora de Bildu, Olaia Duarte, a deputada de ERC Montserrat Fornells e o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.