Tui homenaxea o compromiso galeguista e democrático de Darío Álvarez Blázquez
A Irmandade da Sanidade Galega (Isaga) e a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNLG) homenaxearon na maña deste sábado en Tui (comarca do Baixo Miño) ao médico galeguista Darío Álvarez Blázquez pola súa labor a prol da normalización do idioma.
Os actos en lembranza do doutor Darío Álvarez Blázquez arrancaron ás 12.00 horas no Espazo Cultural cunha mesa redonda onde participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo; os representantes de Isaga, Manuela Valencia e Roberto Fernández e o historiador Carlos Méixome.
Unha vez rematada a palestra, a xornada continuou nos Xardíns dos Álvarez Blázquez, onde se descubriu un monólito de bronce do homenaxeado elaborado polo escultor José Molares. Neste sentido, as entidades organizadores pretenden con esta efixie que a figura de Darío Álvarez Blázquez "permaneza para sempre no seu Tui natal para perpetuar a súa modélica memoria para exemplo dos tudenses".
Darío Álvarez Blázquez (Tui,1910-Vigo,1979) era fillo do doutor Darío Álvarez Limeses, fusilado polos franquistas en outubro de 1936. Membro dunha familia marcada pola represión fascista, mantívose sempre fiel ao seu compromiso democrático e nacionalista, iniciado nos 30 e que o levou a ocupar a presidencia do Partido Galeguista en Tui en 1936.
O compromiso antifranquista
O directivo da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xosé González destacou a Nós Diario "a enteireza que amosaba na defensa dos principios democráticos e galeguistas". Neste sentido, lembrou como salvou a vida da mestra condenada a pena de morte Josefa Garcia Segret "certificando primeiro unha falsa gravidez para impedir a execución da sentenza e despois o seus suposto aborto".
González significou que Darío Álvarez Blázquez "participou nunha rede de axuda a fuxidos do franquismo" e significou que en "1974 estivo preso no cárcere de Vigo cos escritores Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, co avogado Roberto González Pastoriza, o médico Ramón Baltar e o rexistrador da propiedade Alejandro Otero por militaren na Unión de Intelectuais Libres".
Edicións Castrelos
O nome de Darío Álvarez Blázquez estivo asociado, xunto ao dos seus irmáns, a importantes proxectos culturais durante o franquismo e a Transición. Entre estes destacaron Edicións Castrelos, dirixida polo seu irmán Xosé María, e Serigrafía Galega, a primeira industria artesanal no seu xénero que houbo en Galiza, rexentada polo seu irmán Álvaro.