'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

As Torres de Altamira (Brión), construcións maxestuosas de orixe lendaria

Detalle dunha das torres desde o exterior (Foto: Martiño Picallo).

No lindeiro dos concellos de Brión e Ames, as torres de Altamira dominan os vales da Maía e do Sar e os pasos que atravesándoos unían Santiago cos portos do mar. Os cabaleiros da liñaxe dos Moscoso tiveron o seu berce entre uns muros que hoxe son unhas ruínas maxestosas que contan historias de vida cortesá, de batallas cos arcebispos de asedios irmandiños.

As torres son un miradoiro infinito sobre as terras da Maía e o val do río Sar, delatando o papel desta fortificación, sempre relacionada co exercicio do poder por parte dos seus donos e co control dos camiños que polo occidente se achegaban a Compostela. Sitúase no bordo mesmo dun dos outeiros que separan o val do Tambre da bacía do Sar de xeito que a propia natureza reforza a capacidade defensiva da fortificación, que só é vulnerable polo lado onde está o acceso.

A lenda sitúa a súa orixe nos tempos altomedievais e tamén hai quen insinúa a existencia nese lugar dun poboado castrexo, pero o certo é que a día de hoxe non hai probas que sustenten estas afirmacións. O que está fóra de calquera dúbida é a súa íntima relación coa fidalguía medieval e que fusiona as súas orixes coa dos cabaleiros de apelido Moscoso, ao seren eles os seus construtores e posuidores.

Algúns autores identifican esta fortaleza coa mota e torre da Maía que un documento testemuña en 1388, pero outros non concordan con esta teoría, aínda que todos coinciden en sinalar que boa parte do que hoxe vemos é froito das remodelacións feitas nos finais do século XV e no XVI. Con anterioridade, o seu aspecto debeu ser o dunha construción máis modesta, coa súa torre da homenaxe e a súa vara de casa acaroada con grosos muros e parapetos que rodeaban o conxunto. Así, reflicte nesta traxectoria o propio camiño seguido polos Moscoso, que só despuntaron claramente despois da crise do século XIV.

Construción complicada

A construción desa fortificación orixinal debeu ser complicada por canto os arcebispos de Compostela gañaron pronto privilexio dos reis para que non se puideran facer torres e castelos na Terra de Santiago e o certo é que, grandes ou pequenas, as torres constituían unha ameaza severa á cidade e ao corazón mesmo do señorío da súa Igrexa.

[Podes ler o número completo das Torres do Allo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, cuarta feira 18 de setembro, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]