Reedición das memorias do Fresco

Testemuño dun burgués que se botou ao monte para defender a liberdade

Era apenas un feixe de papeis de diversa condición: “Notas, retallos, textos escritos a man aproveitando a envoltura de paquetes de tabaco (picadura), mesmo papeletas do referendo do Estatuto de 1936”. Gardaban unha memoria insólita e terríbel, a de Manuel González Fresco, fuxido ao monte na segunda metade de 1936. Con eles, o xornalista Víctor Freixanes compuxo hai 40 anos un título pioneiro, hoxe de culto e reeditado logo de anos fóra das librarías: O Fresco. Memorias dun fuxido (1936) (Xerais).

o fresco foto
photo_camera Manuel González Fresco, O Fresco, nunha imaxe de 1911 nun concurso de tiro ao pichón na Coruña. Foto: Ponteareas no tempo (Concello de Ponteareas).

“Escribo os feitos da miña vida, as cousas que lembro neste intre, a 31 de outubro de 1936: cen días hai que comezou a miña persecución e que ando fuxido”, din as súas primeiras liñas, redactadas en castelán, “aos meus apuntamentos debedes darlle despois forma xornalística, corrixir as faltas que neles hai, pois desde que me metín na finca hai máis de vinte anos estou desadestrado na escrita. Pero estes son os meus feitos”.

Datado na “guerra. Montañas de Galiza. Agosto de 1936”, o documento “non é unha alegación nin unha análise da situación. Tampouco é a memoria urxente dun ideólogo nin dun persoeiro da alta política”. Freixanes (Pontevedra, 1951), que recibira o encargo do daquela editor de Xerais Xulián Maure a quen as fillas do Fresco entregaran os materiais, defíneo como “a crónica persoal dun daqueles homes que logo do 20 de xullo de 1936 tiveron que fuxir ao monte polas súas simpatías ou relacións coa Frente Popular, e no monte morreu, matárono [en decembro daquel ano]”.

o fresco libros

O Fresco era o máis vello de dez irmáns, fillo da burguesía viguesa, “idealista e sentimental”, nado en 1886. Admirador de Largo Caballero e participante dos faladoiros galeguistas da cidade “cando ía Castelao”, “cría no comunismo da mesma maneira que nas prédicas de Cristo cun aquel de idealismo e relixiosidade case militantes”, descríbeo Freixanes. Vivía de rendas e do traballo das terras, “señorito por orixe”. Pero que escolleu o bando democrático, escapou e, no sur de Galiza, chegou a comandar 223 homes.

Así o amosa nunha patética -por chea de dor- carta ao seu cuñado, en que o Fresco lle afea non o axude e que salfere con proclamas: “ABAIXO AS GUERRAS / VIVA A IGUALDADE / ARRIBA OS HUMILDES”. “Os que provocaron esta guerra converteron España nun gran río de sangue, nun mar de bágoas, non pagarían as súas culpas con se arrincar o corazón”, escribe desde o monte. Coa misiva comeza o escrito rescatado por Víctor Freixanes en 1980.

O valor dun testemuño
O Fresco. Memorias dun fuxido (1936) practicamente inaugurou un xénero para a literatura testemuñal e a historiografía galega. Na edición que Xerais acaba de publicar, lémbrao un pormenorizado prólogo a cargo do historiador e profesor da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto. “Cando Freixanes escribiu en 1980 Memoria dun fuxido (agora Memorias dun fuxido) tirou unha pedra nun estanque -hai que dicir máis ben un tiro que quebrou o silencio”, afirma.

manuel gonzález o fresco

Apenas uns anos antes, no final da ditadura e o ambiguo tempo que abriu a morte de Franco, sucederan as primeiras homenaxes públicas a vítimas do fascismo. En 1974, ás presas fusiladas no campo de concentración de Camposancos (A Guarda). En 1976 na Alameda de Tui, aos paseados. Ou coa institución do Día da Galiza Mártir no cabodano do fusilamento de Bóveda.

É ademais a época das primeiras publicacións: Los topos de Manu Leguineche e Jesús Torbado, reportaxes dos semanarios Interviú e A Nosa Terra, o seminal A Guerrilla antifranquista en Galicia (1980) do alemán Harmut Heine, Fuxidos (1976) de Juan Noya ou a colección impulsada por Díaz Pardo en Do Castro Documentos para a historia contemporánea de Galicia, segundo Fernández Prieto, “unha especie de Socorro Vermello da edición memorialística e histórica sobre a guerra e a ditadura”.

Nese ambiente sociopolítico emerxeu o documento do Fresco da man dun Freixanes que, segundo o prologuista da reedición, soubo recoñecer “a potencia do relato, a experiencia que contén, e entende a oportunidade de indagar sobre o texto, o seu contexto, e mais decide publicalo”.

Nota cubertas da primeira e da última edición de O Fresco. Memorias un fuxido (1936), ambas as dúas en Xerais e unha imaxe no Grove nun concurso de tiro ao pichón.

Comentarios