Catro entidades que traballan no campo da memoria histórica (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Memoria do 36 de Vigo e A Oliveira de Teo) veñen de remitir á CRTVG un escrito no que trasladan a súa “sorpresa” e “indgignación” pola entrevista no medio público galego a Juan Chicharro Ortega, presidente da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF).
As asociacións expresáronlle tamén á CRTVG a súa petición de que, no mínimo, e na defensa da pluralidade informativa, “teña a ben entrevistar o mesmo tempo que lle dedicou ao presidente da FNFF, en concreto 13 minutos e 13 segundos, para así ter a oportunidade de rebater os argumentos e sinrazóns deste persoeiro procedente da caverna franquista”.
Lamentan estes colectivos que se dea protagonismo nun medio público a “este personaxe nada representativo dos valores democráticos e de tolerancia que debe ter calquer persoa cuxa voz apareza en medios públicos de comunicación”.
A entrevista emitiuse a finais do pasado mes de agosto mis é agora cando estes catro colectivos e asociacións informan que dirixiron o escrito á dirección da CRTVG.