A Ribeira Sacra en 1936: os verdugos
Poñemos a ollada na represión da Ribeira Sacra após o golpe de Estado de Francisco Franco. Como exemplo, a cantidade de reclusos do cárcere de Monforte, unha cifra que chegou a sorprender o fotógrafo Erich Andres, un alemán ligado aos servizos secretos nazis. As cifras recollidas nesta análise dan conta da dimensión desta represión. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 287.
A troica do terror, un operativo negro a cuxa cabeza se situaba a institución militar e do que facían parte sectores da igrexa católica, dirixentes patronais e as milicias paramilitares, formadas maiormente por falanxistas, traballaron arreo a partires de xullo de 1936. Sinaláronse dentro do exército os mandos da Garda Civil, algúns dos cales xa foran detidos en abril de 1936 por partillar conspiración cos falanxistas o capitán Xosé Logo e o sarxento Emilio Cabanas, destacando o comandante do posto de Pantón, Manuel Losada Estévez, primeiro alcalde franquista do concello; o brigada do destacamento de Quiroga, Xoán Gómez, e moi particularmente o tenente de Monforte, Xosé González Díaz. González Díaz, que non tardaría en ser nomeado delegado de orde pública na localidade, quebrou a folga convocada polas organizacións obreiras en colaboración cos paramilitares, declarou o estado de guerra na cidade do Cabe, dirixiu a toma de Sober, A Pobra de Brollón, Ribas de Sil ou Quiroga, asinando sacas no cárcere de Monforte, e foi responsábel das primeiras execución e detencións na comarca.
[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 287, á venda na loxa e nos quiosques habituais]