Os restos mortais do pintor Francisco Miguel, asasinado polo franquismo, descansan desde hoxe en Santo Amaro

Evencio Ferrero, Inés Rei, Ángel García e Miguel Anxo Fernán-Vello. (Foto: Concello da Coruña)

O Concello da Coruña acolleu un acto institucional e, posteriormente, decorreu unha cerimonia fúnebre aberta á cidadanía no cemiterio de Santo Amaro.

A Coruña rendeu esta segunda feira homenaxe ao pintor Francisco Miguel Fernández Díaz, quen fora asasinado en Oleiros (comarca da coruña) a mans das forzas fascistas no ano 1936 e cuxos restos mortais foron exhumados no ano 2023 no cemiterio de Bértoa (Carballo, Bergantiños). O salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita acolleu un acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rei, no que se lle rendeu homenaxe ao artista no salón de plenos coa presenza de membros do Goberno municipal, corporación municipal, representantes da Deputación da Coruña e personalidades do mundo da cultura e da recuperación da memoria histórica. Posteriormente, decorreu unha cerimonia fúnebre no cemiterio municipal de Santo Amaro, onde os restos mortais de Francisco Miguel descansan desde esta segunda feira.

"Francisco Miguel regresa hoxe á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte a barbarie, fronte ao odio fascista que, por desgraza, segue a asomar en diferentes partes do mundo, e que debemos combater cada día, con firmeza e convicción, cara a un futuro mellor", sinalou Inés Rei. "A memoria é xustiza restitutiva, a cultura é democracia e progreso, e a verdade nunca poderá ser soterrada de maneira definitiva", engadiu a alcaldesa, que agradeceu a presenza en María Pita dos alcaldes de Carballo e Oleiros, Evencio Ferrero e Ángel García Seoane.

Representantes institucionais e familiares de Francisco Miguel, este 29 de setembro na Coruña. (Foto: Concello da Coruña)

Este homenaxe enmárcase dentro das actividades xa iniciadas coa inauguración, a comezos de mes, da exposición dos debuxos do artista na Casa Museo Casares Quiroga. Conta coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), así como doutras asociacións e entidades da cidade, do grupo de investigación sobre a súa vida e obra, da escritora Syra Alonso e da Deputación da Coruña, que promove tamén charlas arredor da figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso.

Francisco Miguel naceu na Coruña en 1897. Foi pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro, cunha traxectoria vencellada á vida cultural da cidade e aos movementos artísticos europeos e americanos. Entre 1921 e 1933 residiu en París, Cuba e México, onde mantivo relación con figuras como Diego Rivera, Frida Kahlo e David Alfaro Siqueiros. De regreso a Galiza, asentouse en Oleiros, onde foi detido e asasinado o 29 de setembro de 1936 en Queo de Arriba (Carballo).

A cerimonia que acolleu o cemiterio de Santo Amaro contou coa participación da Banda Municipal de Música da Coruña, que interpretou obras de compositores galegos como Marcial del Adalid, Juan Montes, Andrés Gaos e Chané, así como unha peza de Edward Elgar. Tamén tivo lugar unha ofrenda simbólica de cunchas de viraventos. A homenaxe contou coa presenza de familiares do artista, desprazados desde México para recibir os seus restos.