Resolución histórica: declaran nula a condena franquista a un ferrolán que estivo preso por posuír un discurso socialista

Os dous fillos de José Varela Cachaza o 25 de novembro nos xulgados de Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ferrol declarou nula a condena imposta en 1943 polo franquismo ao funcionario José Varela Cachaza por posuír un discurso socialista, nunha resolución histórica que aplica a Lei de Memoria Democrática e que recoñece oficialmente a represión política e o dano familiar provocado pola ditadura.

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ferrol vén de ditar unha resolución histórica ao amparo da Lei de Memoria Democrática ao declarar nula a condena que un consello de guerra franquista impuxo en 1943 ao funcionario ferrolán de Telégrafos José Varela Cachaza. O auto non só anula unha sentenza considerada "ilegal e ilexítima", senón que tamén certifica a represión política sufrida polo traballador e as consecuencias persoais, profesionais e familiares derivadas daquela condena.

Varela Cachaza, nado en 1910, foi detido o 19 de maio de 1942 despois de que a policía atopase na súa casa un extracto dun discurso pronunciado polo dirixente socialista Indalecio Prieto na Universidade de Washington. Por ese motivo foi acusado do delito de "incitación á rebelión", sometido a un procedemento sumarísimo sen garantías procesuais e condenado a seis anos e un día de prisión maior. Pasou dous anos recluído na prisión militar do Castelo de San Felipe, até maio de 1944.

A resolución xudicial destaca que, ademais da privación de liberdade, a custoulle o seu posto como funcionario público. Tras saír da cadea viuse obrigado a traballar como peón e posteriormente como garda xurado no porto ferrolán, nun contexto de estigma e vixilancia constante sobre el e sobre a súa familia. Os seus fillos, José e Francisco Varela, declararon no proceso que tiveron que incorporarse ao traballo con apenas 14 anos e relataron o clima de "medo" que marcou a vida familiar pola etiqueta de "roxos".

O procedemento foi promovido pola Fiscalía en outubro de 2025 ao abeiro da reforma introducida pola Lei 20/2022 de Memoria Democrática na Lei de Xurisdición Voluntaria, que permite obter declaracións xudiciais sobre feitos da represión cando non existe controversia. Despois de analizar testemuñas familiares, documentos do Centro Documental da Memoria Histórica e arquivos militares, o xulgado considerou acreditado o carácter represivo da condena.

A maxistrada Carmen López Moure fundamenta a decisión nos artigos 5 e 6 da Lei de Memoria Democrática, que declaran a ilexitimidade dos tribunais e das sentenzas franquistas ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de conciencia e recoñecen o dereito das vítimas á reparación moral e ao recoñecemento público. O auto ordena tamén que se inscriba a nulidade no expediente orixinal conservado no Tribunal Militar Territorial da Coruña e no Archivo do Reino da Galiza, e que se remita o acordo á Secretaría de Estado de Memoria Democrática para o seu rexistro oficial.

Os fillos de José Varela, presentes na comparecencia, amosaron a súa plena conformidade coa resolución, que consideran un paso decisivo na reparación da memoria do seu pai e un acto de xustiza histórica tras décadas de silencio imposto.