A represión contra o nacionalismo durante o estado de excepción de 1969
O estado de excepción de 1969, o oitavo que decretaba a ditadura e o primeiro que afectaba a todo o Estado, levouse por diante perto de cincuenta antifranquistas galegos. Uns padeceron cárcere, outros foron torturados en cuarteis e comisarías e tamén houbo quen foi desterrado a centos de quilómetros da súa residencia. Recuperamos cincuenta anos despois a memoria dos militantes nacionalistas represaliados. Eis un extracto da peza publicada no número 330 de Sermos Galiza.
As explicacións anunciadas por Manuel Fraga para xustificar aquela decisión, “Non imos tolerar a estratexia do inimigo que utiliza a xenerosidade inxenua da xuventude para levalos a unha orxía de nihilismo. É mellor previr que curar”, non deixan dúbidas de que a verdadeira intención era pecharlle o camiño ao que parecía inevitábel e afirmar que o réxime que seguiría a Franco continuaría co seu legado e proxecto.
O estado de excepción de 1969 que se alongaría até o 25 de marzo puxo a proba a fortaleza da organización clandestina do nacionalismo e máis concretamente dunha UPG que sufriría os seus embates represivos. A Unión do Povo Galego, nunha folla voandeira editada pola súa sección francesa e distribuída na Galiza, afirmaba a finais de abril que “a partir do estado de excepción son máis numerosas que nunca as detencións dos nacionalistas galegos, a maioría dos cales seguen aínda sufrindo os métodos hitlerians da policía franquista”. Porén a represión tivo un carácter selectivo, afectando de xeito particular a aqueles cadros máis significados e librando da persecución o groso da militancia e mesmo estruturas territoriais enteiras. Aínda así, agás en Monforte, Lugo e Ourense, onde o número de adherentes era aínda máis minguado que no resto das zonas, as outras comarcas onde a UPG tiña presenza sufrirán a detención e encarceramento de afiliados nacionalistas, até sumar nove persoas entre Madrid e Galiza.
[Podes ler a peza íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]