Milleiros subiron daquela ao mítico monte para zafarse. Eran galeguistas, republicanos e sindicalistas. Moitos morreron alí, outros fuxiron e outros entregáronse a cambio de falsas promesas de amnistía. “Pero poucos, moi poucos, volveron ver as súas familias”, segundo a organización, que quere recobrar con este simposio “a memoria de tantas vidas segadas pola barbarie, para que nunca máis se esqueza o que aquí pasou”.
Pola mañá terá lugar a proxección do filme ‘A mariñeira de Quilmas’, con posterior coloquio a cargo de Darío Xohán Cabana (autor do relato) e Antón Dobao (director da fita). Logo Eliseo Fernández, un dos máis destacados especialistas galegos na Guerra Civil, dará unha palestra sobre “Evasións por mar na Guerra Civil: os fuxidos do Pindo”.
Pola tarde o historiador Luís Lamela ofrecerá un relatorio sobre “A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo”. A continuación, será Xosé Ramón Ermida quen faga o propio sobre “Galeguismo e represión en Carnota e bisbarra”.