O Marzo do 68 galego
Primeiro foi Galiza. Aínda faltaban dous meses para que as universitarias e universitarios franceses tomasen París, cando o estudantado galego saíu ás rúas de Santiago de Compostela, nun dos conflitos máis destacados e definitorios da década dos sesenta. Foi o Marzo do 68 galego. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 286 ao respeito.
Os sucesos que estouparon en marzo de 1968 en Santiago de Compostela son o resultado dun combate que viña dos anos anteriores, acelerado nese mesmo curso polos cambios estruturais sufridos pola universidade galega, pero tamén polo escenario aberto após a elección da delegación estudantil, cunha maioría claramente democrática. A negativa do decano de Ciencias a recoñecer a nova representación e o seu rexeitamento a entregar os fondos económicos para o funcionamento da asociación de estudantes do centro, algo que acontecía no resto de facultades do distrito, provocou a convocatoria dunha primeira folga xeral nesa facultade o 15 de xaneiro de 1968, estendéndose os días seguintes a Dereito, Medicina e Económicas. A protesta non tardaría en saír á rúa, convocándose unha concentración na Praza do Toural en rexeitamento ao trato dado pola prensa, fundamentalmente o ABC e El Correo Gallego, ás mobilizacións, producíndose a consecuencia das mesmas as primeiras detencións e enfrontamentos coa policía.
[Podes ler a información íntegra no número 286 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]