O nacionalismo galego na loita guerrilleira antifascista

Mariano Otero Castelao, no centro, e Xosé Velo Mosquera, á dereita, paseando polas rúas de Vigo en 1944. (Foto: Arquivo Deputación de Pontevedra)

A presenza de militantes nacionalistas na guerrilla antifranquista remóntase a finais de 1937. Os datos coñecidos nos últimos tempos certifican que a importancia cuantitativa e cualitativa do corpo orgánico e social do nacionalismo na oposición armada ao franquismo foi superior do que tradicionalmente se lle veu asignando. 

A actividade armada non foi o método principal de loita política adoptado polo nacionalismo galego no seu combate contra a ditadura durante ás dúas primeiras décadas do franquismo. Mentres a parte minoritaria do nacionalismo, na que formaban Mariano Castelao, Xosé Velo ou Ramón de Valenzuela, outorgaba un papel chave á guerrilla como actor decisivo no derrocamento da ditadura, a facción maioritaria, liderada por Ramón Piñeiro, dubidaba da súa eficacia e virtualidade para combater o franquismo.

A participación de adherentes do nacionalismo na guerrilla pódese seguir desde finais  finais de 1937 e comezos de 1938. Nesta altura,  xa está testada a presenza de cadros do Partido Galeguista do período republicano na dirección e impulso dos núcleos armados antifascistas. Porén,  as primeiras iniciativas para erguer unha proposta política patriótica na clandestinidade non son efectivas até finais do ano 1943 nun caso e comezos de 1944 noutro.

O congreso de Coruxo de 1945

A evolución da II Guerra Mundial, o convencemento dun cambio de réxime no Estado español ligado ao trunfo das forzas aliadas e a necesidade de articular unha alternativa política diante dese novo escenario axilizaron os traballos de reorganización do Partido Galeguista, que celebrou a súa primeira asemblea nacional o 22 de xullo de 1945 en Coruxo de Vigo.

A formación política, a cuxa fronte se situaron militantes do partido e das mocidades da etapa republicana, con  Ramón Piñeiro como liberado, marcouse como obxectivos ampliar a súa base social, con especial atención á mocidade universitaria, promover a creación dunha editorial de libros galegos, xermolo da futura Galaxia e potenciar unha  política de alianzas na esfera nacional e estatal que garantise os dereitos da Galiza ante a potencial ruptura co franquismo.

A póla maioritaria do nacionalismo pasou dunha ausencia de atención a cuestión armada como liña de actuación, a unha condena implícita da mesma, a medida que avanzaba a segunda metade das década dos corenta, ao considerar a súa practica como negativa para os intereses da causa democrática.

Outro grupo de antigos dirixentes do Partido Galeguista, nucleados fundamentalmente arredor da comarca de Vigo, onde destacaron Xosé Velo Mosquera, Ramón de Valenzuela e Mariano Otero Castelao, iniciaron ao tempo un labor de reconstrución do nacionalismo na clandestinidade.

De Valenzuela e Deuxième Bureau

Un deles, Ramón de Valenzuela, derradeiro secretario de organización do Partido Galeguista na zona republicana e capitán dos servizos de intelixencia do exército popular, coñecía de vello as actividades da guerrilla galega, tras tentar en 1939 desde o exilio francés buscar vías de colaboración cos resistentes armados galegos, aproveitando as redes de fuxida clandestinas organizadas polo nacionalismo desde 1937.

De Valenzuela, que fica en Francia como responsábel do Partido Galeguista desde agosto de 1939, “decidiu”, segundo documentaron Dionisio Pereira e Eliseo Fernández,  “colaborar co servizo de intelixencia francés Deuxième Bureau para levar a cabo tarefas de espionaxe estratéxica na Coruña e Ferrol e asegurar unha rede de evasión coa fronteira portuguesa, sen desbotar o subministro de armas e municións ás guerrillas galegas”.

A finais de 1939 dous membros deste grupo, Felicisimo Pérez Ortega, 'O Guda'; e Benigno Lameiro Bermúdez, son desprazados a Portugal para comezar a organizar a estrutura clandestina, porén, son detectados polas forzas de seguridade dese país e enviados a Bos Aires polas autoridade da ditadura de Oliveira Salazar.

Os nacionalistas na UNE

As diverxencias co sector encabezado por Ramón Piñeiro, situáronse na  política de alianzas, xa que este sector apostou pola incorporación á Unión Nacional, plataforma unitaria de oposición ao réxime ligada ao PCE, no programa estratéxico, concretamente no recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado e no papel da loita armada no derrocamento do franquismo.

A imposibilidade de acordo entre unha e outra posición, levou a este grupo a rachar calquera tipo de contacto co nacionalismo articulado posteriormente no novo Partido Galeguista, integrándose na sucursal galega da  Unión Nacional, onde Mariano Otero Castelao acadou as máximas responsabilidades formais.

A posición deste dous sectores en relación coa resistencia armada como método de loita ficou retratada nos escritos dalgúns dos seus voceiros máis cualificados. Malia que non consta declaración pública ou resolución orgánica do Partido Galeguista condenando a actividade guerrilleira, os seus dirixentes cuestionaron a eficacia deste método de loita para combater o franquismo.

Sen ir máis lonxe, en outubro de 1948, en carta  a Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben Cho Shey”, o antigo secretario de organización do partido, Cesáreo Saco, recen saído da prisión, escribiu que que “as accións da guerrilla son a escusa do franquismo para endurecer aínda máis a represión, separando ao pobo democrático de calquera practica política polos custes persoais da mesma”.

“Agora é a guerrilla a que fai lenda”

A opinión da corrente nacionalista integrada na Unión Nacional foi diferente. A este respecto, Xosé Velo, no seu volume aínda inédito Muera España! Viva Hespaña sinalou “agora é a guerrilla a que fai lenda e levanta a fe e a esperanza. Alí estaba no medio do terror e dos odios, os patriotas do monte e dos chan. Alí estaban, para dicirlle coa linguaxe dos feitos a quen quixera oír que a nosa liberdade non morrera. Alí estaba, si, representada toda a dignidade do mundo”.

Velo significa que sen o apoio popular “nunca tería sido posíbel o mantemento de tantos grupos guerrilleiros durante tantos anos”, destaca “a capacidade de loita, a lealdade a causa antifascista e a unidade de acción, golpeando ao inimigo como autenticas unidades de combate” e sinala que “na guerrilla, non había partidos, había homes só, para o risco que fora, en calquera tempo e sempre alerta” .