Moncho Valcarce: Un militante, un profeta, un cura e un místico

O doutor en Teoloxía pola Universidade de Salamanca e en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela Victorino Pérez Prieto recupera para Sermos Galiza o perfil de Moncho Valcarce (1935-1993) no ano en que se conmemora o 25 aniversario do falecemento do coñecido como “crego das Encrobas”. Nas próximas semanas seguirán a sucederse actos de lembranza da figura de Valcarce. Eis un extracto do texto publicado no número 295 de Sermos Galiza.

Moncho Valcarce nun protesto labrego
photo_camera Moncho Valcarce nun protesto labrego

1Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, é a memoria viva dalgunhas das máis épicas loitas do pobo galego na segunda parte do século XX. Moncho vive pola memoria do seu compromiso político e o seu activismo popular. Pero Moncho foi tamén un cura. “Un cura revolucionario” ou “un revolucionario cura”? Ser cura no foi para el algo secundario: a forza do compromiso de Moncho Valcarce nace da súa fe cristiá. A súa identidade de cura e o seu compromiso revolucionario estiveron xunguidos. Pero, a pesares de pertencer á clerecía, non soubo entendelo a súa Igrexa. Tampouco o entenderon ben os camaradas da política, e o pobo só un pouco... aínda que, puxeran nunha das necrolóxicas dos xornais: “Durma en paz... o que foi guía de xentes e sirva de exemplo ás xeracións”.

Moncho Valcarce foi un militante político ao xeito dos vellos profetas bíblicos: subversivos da orde establecida, inxusto e opresor cos máis febles. De mozo, toma conciencia crítica da hipocrisía da clase á que pertence; esa sensibilidade social foi radicalizándose na descuberta e compromiso cun pobo e unha terra: “A dura realidade que tropezas en Galiza, á luz do Evanxeo supón que ou estás cos pobres, cos oprimidos, ou estás co poder” (Entrevista de Gumersindo Campaña, 1990).

Este compromiso liberador supón: “espertar no Pobo o espírito de corresponsabilidade social e crítico”. “Fundirse co Pobo... darlle vida e arelas de prosperar” e a promoción da xustiza e os dereitos humanos, individuais e comunitarios. “Defensa dos dereitos dunha nación asoballadas por un Estado, que lle nega a soberanía” (O compromiso sociopolítico dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, Salamanca 1988).

Moncho foi un militante madurecido no sufrimento e na represión, como expresa nas páxinas do Caderno de Poio (1974): “Loito pola liberdade que nace da miña fe cristiá, da miña fe na Palabra de Deus... Xesús estaba contra a orde establecida... A misión de Xesús segue onde a lingua e a cultura dun pobo é encadeada, cando non deixan a ese pobo ser protagonista”.

[Podes ler a peza íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios