A Transición española chega aos tribunais da man da xuíza María Servini

O ministro Martín Villa declara pola súa responsabilidade nos crimes na Transición

O que fora ministro de Franco compareceu por videoconferencia ante a maxistrada da querela arxentina, que pediu a súa declaración a ano pasado. Martín Villa defendeu algunhas formas de actuar da época e obviou responder á súa posíbel responsabilidade en crimes de Estado.
enterro
photo_camera Enterro dos traballadores asasinados en Vitoria en marzo de 1976. (Foto: Arquivo RTVE)

O esperado cara á cara entre Rodolfo Martín Villa e María Servini decorreu onte por videconferencia. Malia que a declaración como investigado do antigo ministro da ditadura española tivo lugar finalmente desde a sede da embaixada arxentina de Madrid, a súa comparecencia diante da xuíza que instrúe a causa contra os crimes da ditadura, no marco da coñecida como “querela arxentina” contra os delitos do franquismo, alcanzou unha importante significación, ao tratarse do primeiro dirixente político da ditadura obrigado a responder diante dos tribunais polas súas responsabilidades no réxime anterior.

Martín Villa centrou a súa declaración nunha defensa xenérica do modelo da Transición. Así, na súa intervención, sinalou que “na Transición, unha das mellores etapas da nosa historia recente, foi imposíbel que houbese xenocidio. A Transición supuxo, esencialmente, a reconciliación entre os españois”. Na mesma, considerou o proceso político vivido no Estado español após a morte de Francisco Franco como “un exemplo de cambio político dentro da lei cara a un réxime democrático” e destacou que “serviu de espello a experiencias análogos noutras partes do mundo”.

O antigo ministro da ditadura e dos Gobernos de Unión de Centro Democrático (UCD) omitiu explicar a súa responsabilidade nalgúns dos crimes de Estado acontecidos ao longo da Transición. Precisamente, a xuíza arxentina tenta aclarar a súa participación no asasinato de cinco obreiros que participaban nunha protesta laboral en marzo de 1976 en Gasteiz e dun mozo morto dun disparo de bala mentres pretendía colocar unha faixa a favor da amnistía durante a festividade de San Fermín de 1978. Estas seis persoas faleceron a mans das forzas de seguridade do Estado, coincidindo coa presenza de Martín Villa á fronte do ministerio de Gobernación e Interior.

A causa instruída por María Salvini e esta vista coa participación de Martín Villa estanse convertendo nun auténtico xuízo ao modelo da Transición. O propio procedemento onde foi citado Martín Villa evidencia a represión despregada desde o aparato do Estado contra as reivindicacións populares naquel momento. Neste sentido a visión idílica desta etapa é obxecto, cada día, de maior rexeitamento desde o ámbito social, político e historiográfico. Pouco antes da súa morte o mestre de historiadores, Josep Fontana cualificábaa dunha “mudanza lampedusiana, continuadora dos eixos reitores das políticas do franquismo e coherente coas esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios